1000 PRIMAVERAS MÁIS

Malores Villanueva envíame o enlace ao primeiro dos vídeos que recollerán as achegas da xente, durante a campaña popular que PROLINGUA lanzou en abril do ano pasado: POR MIN O GALEGO TERÁ MIL PRIMAVERAS MÁIS.

A campaña tomou ese lema do discurso de agradecemento pronunciado por Álvaro Cunqueiro, na homenaxe que se lle rendeu en Vigo o 25 de abril de 1980:

As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. (…) Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: “aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis'”.

A Convocatoria de PROLINGUA era esta:

As Mil primaveras máis para a lingua galega, que Cunqueiro desexou e para as que fixo brotar unha obra excepcional, motívannos a botar a andar unha nova campaña na que ti es fundamental.
Somos conscientes de que unha lingua só ten sentido se a falamos, porque só así garantimos o seu futuro. Por iso sementamos vida cando a empregamos, cando soñamos nela, cando bailamos ao seu son, cando nos indignamos coa forza que ela nos dá, cando a eliximos para transmitírllela ás novas xeracións, cando a protexemos dos que non nos entenden, cando codificamos o mundo a través dela… cando ti decides que é a túa lingua.
ProLingua quere que ese compromiso individual sexa visible nesta primavera. Polo que che pedimos que graves un vídeo dicindo Por min o galego terá mil primaveras máis (ou ben coa frase Por nós o galego terá mil primaveras máis, se o fas en grupo) e que nolo envíes a prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio. No correo indícanos o teu nome e apelidos, lugar de orixe e profesión.
Antes de rematar a primavera florecerá unha gravación na que cada compromiso individual dea vida a un compromiso colectivo. Sumaremos forzas e ampliaremos a rede de afectos ao redor do idioma para seguir sentindo que a Patria da Lingua Galega terá mil primaveras máis.

O resultado do primeiro é emocionante, agardando polo segundo, velaí vai:

AS LINGUAS

A miña amiga Malores Villanueva pediume, xa hai tempo, un artigo para publicar na páxina de PROLINGUA. Pasou o tempo e eu non era quen de dar co fío que me permitise realizar unha reflexión sobre a lingua, sen dicir o xa dito, aínda que non está de máis repetir e insistir na verdade do noso amor.

Por fin, ao regreso de Islandia, prendeu unha pequena luz e o resultado foi este artigo que, xa publicado na páxina de Prolingua, o día 16 agora deixo aquí. Tamén deixo o enlace coa páxina porque hai aí reflexións moi interesantes sobre as linguas e, en particular, sobre o galego.

http://prolinguagalega.org/voces/2014/05/16/

PROLINGUA DAS LINGUAS

Regresamos de Islandia, terra insular e volcánica, coma nós atlántica e confín, onde conflúen ventos, correntes e soños. Dende sempre é o seu un litoral de crebas e cavacos, que xa nas Sagas se fala do costume vikingo de percorrer os areais de mar aberto e as ribeiras dos fiordes, procurando o que sobre eles cuspen as ondas, principalmente madeira. Na inauguración da exposición de Maribel Longueira, Xente no medio, na Universidade de Reikjavik, o pasado día 2, tivemos ocasión de coñecer a Vigdis Finnbogadóttir, quen fora xefa do goberno do país entre os anos 1980 e 1996, primeira presidenta ou primeira ministra elixida democraticamente no mundo. Hoxe, retirada da política activa por vontade propia, a súa actividade céntrase na problemática da muller nas sociedades contemporáneas, na defensa das linguas e do medio ambiente e na promoción da cultura, o que non deixa de ser un xeito comprometido de facer política.

Tivemos ocasión de falar con ela brevemente arredor das linguas. Pertence a un país cun idioma de poucos falantes, algo máis de trescentos mil, pero que é lingua de estado soberano, vinculada ao universo lingüístico escandinavo, co valor de ser propia da illa e soporte do seu ser colectivo. Deume gusto escoitarlle dicir que as linguas do mundo son un tesouro marabilloso. Na súa opinión a posesión dunha lingua constitúe un valor comunal, pero tamén persoal, e resulta necesario ensinala e aprendela ben, xa que a pobreza léxica fai da lingua algo semellante a auga conxelada, asegura con graza. Sabe ben que as linguas, cada lingua, expresan experiencias comunitarias propias, distintas das demais, dando lugar a culturas diferentes.

Compartía a nosa conversa un rapaz de Euskadi, presente por uns días na Universidade islandesa, quen comentou a súa participación nun proxecto europeo sobre linguas minoritarias. Con educación, pero con firmeza, Vigdis rexeitou a expresión “linguas minoritarias” que cambiou pola de “linguas minorizadas”, afirmando que ningunha lingua é minoritaria, en tanto que responde á necesidade expresiva e de comunicación dunha comunidade, sendo, nese sentido, un feito pleno e vital. Outra cousa serían as circunstancias políticas ou económicas, externas e alleas tantas veces ao ser da lingua, que non permiten corrixir as debilidades das que son pequenas e carecen de poder, nin permiten procurar remedio para a súa saúde, facéndoas vulnerables.

A reflexión e o discurso de Vigdis Finnbogadóttir, ollan cara fóra e cara dentro. Por unha banda reflexiona sobre a importancia de manter a lingua propia, de sentir que ela é elemento común e aglutinante da comunidade, da necesidade de empregala plenamente e sen complexos e, por outra, expresa a súa opinión de que para cada colectividade resulta ineludible manter relación coas outras do planeta, próximas ou afastadas, o que fai preciso que cada individuo coñeza, cando menos, unha lingua máis. Para ela, cada islandés afirmaría a súa posición no mundo, sabendo un mínimo de dúas linguas, sempre a propia e outra variable, en función das circunstancias. En calquera caso, considera que o estudo doutra lingua é unha necesidade para aqueles pobos máis pequenos que tiveron a forza e a fortuna de conservar a súa lingua e cultura.

Quizais por iso, practicamente todos os islandeses saben inglés. O coñecemento desa lingua, xunto coa posibilidade de compresión e comunicación que o islandés lles ofrece, en relación coa decena de linguas escandinavas, procedentes dun tronco común, particularmente o danés, o sueco, o noruegués e o feroés, fan de Islandia unha comunidade pequena pero firmemente asentada e afirmada no mundo, na que non se cuestiona a importancia dunha lingua que conta con poucos falantes, pero que é propia e que goza dunha literatura rica, moi de moda, valorada e traducida a todos os idiomas do noso entorno cultural, consecuencia de políticas activas de promoción e proxección exterior.

No acto de inauguración da exposición en Reikjiavik, que contou coa participación de Hólmfríour Garoasdottir, profesora de español do departamento de linguas extranxeiras; Níels Einarsson, director do Stefansson Arctic Institute; do escritor galego-islandés e tradutor Elías Knörr, da fotógrafa Maribel Longueira e a miña, o número de linguas empregadas foi de seis, aínda que foron islandés e galego as protagonistas. Con elas conviviron o castelán, o inglés e as outras nórdicas nas que recitou e cantou Elías.

Conectando este artigo co anterior de Francisco Fernández Rei, publicado nesta bitácora de Prolingua, gustaríame comentar a transcendencia que o Festival de Eurovisión ten en Islandia e, segundo me contaron, en todos os países do norte: Noruega, Suecia, Dinamarca e Finlandia. O martes 6 de maio celebrouse a semifinal na que o grupo Pollapönk conseguiu o acceso á final do sábado 10, coa canción No prejudice, cantada en inglés. Sorprendeume comprobar que no solpor dun día de maio, cando a noite xa non chega a escurecer o ceo, o país prendeu da televisión e, ao día seguinte, a clasificación para a final era comentada na apertura dos informativos e nas  primeiras páxinas dos principais xornais do país. Na final do sábado, o solista e líder do grupo saudou en varias linguas aos telespectadores, entre elas o castelán. O que si lles chamou a atención aos islandeses, cuestión para a que non tiven resposta cando me preguntaron, foi como España, país rescatado, paga por non participar nas semifinais, mercando o acceso á final, cousa que fan tamén Gran Bretaña, Francia, Italia e Alemaña, pero non o resto dos países europeos.  Pero iso nada ten que ver coas linguas. Ou si?

(Isto non formaba parte do artigo. Veño de escoitar na televisión do programa Salvados, a José Mujica, presidente de Uruguai dicir que dentro dalgúns anos, todos os habitantes do mundo falarán, polo menos, dúas linguas).