Ten o concello de Carnota un rico patrimonio do que non sempre é consciente o viaxeiro. Do máximo interese son os petróglifos espallados pola contorna, nun espazo que abrangue as ladeiras de Muros e Carnota e que corresponderían á mesma colectividade, que, daquela, nada sabían da división administrativa do territorio. Pequeno, pero fermoso e posuidor de lendas e misterios, o castro de Mallou. Está, claro, a riqueza natural, co Monte do Pindo ou Pedregal como referencia permanente; e todo o litoral, co areal inmenso e a Boca do Río. Tamén o patrimonio etnográfico no que podemos advertir con facilidade a rica arquitectura do pan: aira, muíño, forno e hórreo, destacando as singularidades do hórreo de Lira e o de Carnota. Cruceiros, portos coma o de Quilmas ou o conxunto das casetas de mariñeiros de Caldebarcos. E, por suposto, o patrimonio relixioso, entre o que destaca o retablo da igrexa de San Mamede de Carnota.
Pero hai un elemento patrimonial pouco coñecido, incluso entre os habitantes do concello. Trátase do retablo en pedra da pequena capela de San Clemente, anterior á ampliación do templo, e que durante moito tempo foi empregada como sancristía e almacén. Felizmente restaurada pola Consellería de Cultura, nos días nos que foi conselleiro Roberto Varela.
O retablo, obra do escultor Antonio del Río, foi construído a finais do século XVIII. O contrato foi asinado polo escultor e o titular da parroquia de San Mamede de Carnota, da que dependía esta capela, en 1795. As imaxes que figuran nel son a de San Clemente e a de San Bernardo. O estilo é neoclásico, con certas reminiscencias do barroco anterior.
Eu visitárao en varias ocasións antes da restauración. Entre febres e chuvia, tivemos ocasión de velo Daniel e máis eu o pasado sábado, antes da misa, animados por un fregués que actuou de introdutor e que falou co cura, advertíndolle que prendía a luz interior para nós.
Marabillounos o equilibrio e harmonía do conxunto e a riqueza da policromía, en particular o ceo azul da bóveda. En realidade, toda a capela, construída segundo os planos do arquitecto José Cachafeiro, é fermosa, moito máis fermosa que a obra de ampliación da actual igrexa. Chama a atención, observando as dúas obras arrimadas, como a capela primeira mantén a orientación tradicional este-oeste, mentres que a igrexa actual perdeu ese referente cristián, tendo unha orientación que supoño, sen comprobar co compás, é norte-sur.
A fotografía é de Daniel.