A FRASEOLOXÍA COMO EXPRESIÓN DE ESTILO

Habendo unha petición, e pedindo perdón pola lonxitude, deixo aquí a miña comunicación do sábado pasado, en Trasalba, sobre a fraseoloxía como expresión de estilo. Vai sen imaxes. A bibliografía aparecerá na publicación que recollerá todas as comunicacións.

A FRASEOLOXÍA COMO EXPRESIÓN DE ESTILO

Entón hai unha cultura galega?
………………………………………………………….
Disfrutou Galicia desde o amencer dos tempos
históricos dunha conciencia orixinal. Esa conciencia
pervive aínda hoxe. Ela inspirou os períodos vitais de Galicia

 

Ramón Otero Pedrayo
Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega (1932)

 

Ola, bos días, quero agradecer a Asociación Galega de Saúde Mental a organización cada ano, e van XXI, destas xornadas de reflexión, tan necesarias, nun tempo no que todo acontece nos extremos da présa, do brillo e do ruído. Ese agradecemento quero singularizalo en Antón Casais, quen me convidou a participar na edición deste ano, unha noite de inverno e de mencías.

Galicia Style, velaí a proposta de debate deste ano. Na documentación que se nos achegou, manifestábase a intención de reflexionar sobre estilo e/ou identidade. Polo tanto, se cadra, cada un de nós teriamos que iniciar os minutos de exposición que nos corresponden, manifestando a nosa idea sobre cada un destes dous conceptos.

Na miña opinión, Identidade é un sentir común dun grupo de persoas que recoñecen e expresan a súa pertenza a unha comunidade. Trátase dun concepto de forte carga emocional, que constrúe o ser dun grupo fronte ós outros. Nese sentido poderíamos dicir, que resulta exclusivo, tanto na acepción de único como de que exclúe, xa que a identidade refórzase poñendo en evidencia as diferenzas. Isto levaríanos á idea de que necesariamente somos con e para os outros, xa que precisamos deles, tamén para nos definir e identificar e eles necesitan de nós. A identidade sería o eu interior, empregando unha expresión astrolóxica.

Teño para min que a identidade é concepto ideolóxico dende a orixe, que se transforma en político cando, recoñecidos os fundamentos e intereses comúns, se articula un discurso que tenta dotar á identidade dun contido co que confluír e participar no ámbito do debate público. A identidade podería ser sinónimo de nación, en particular do que se entende como nación cultural, aquela comunidade humana con nome propio, que habita un territorio común, que comparte mitos e memoria histórica, que pode ter lingua de seu, e na que se manifesta un sentido interno e solidario de pertenza. Sabemos, porén, que nin territorio, nin lingua, son elementos determinantes da identidade.

O estilo faría referencia ao xeito de vivir e aos trazos máis visibles de personalidade que definen a colectividade. O estilo sería o xeito de se relacionar coa vida e a morte, de interpretar o mundo e as cousas, unha idiosincrasia que se estende á maneira de traballar e gozar da festa, de expresar o loito, de vivir a sexualidade, de comer e de beber, de ser ou non ser hospitalarios. Falamos de estilos de vida, concepto relativamente moderno que nace na década dos trinta do século pasado, cando as sociedades, como consecuencia das migracións masivas, empenzan a perder identidade e homoxeneidade, volvéndose mestizas. O exemplo máis evidente é o do American way of life, ou xeito de vida dunha sociedade, a estadounidense, resultado de múltiples migracións. Unha das características do estilo é que non resulta exclusivo, nin excluínte, polo que persoas que conviven nunha colectividade con forte consciencia de identidade, poden non compartir este sentimento, pero si asumir o estilo de vida. O estilo, ademais, ten a particularidade de ser flexible e pode ser incorporado como propio por unha colectividade que o recolle doutra, velaí, no noso caso, o gusto polas parrilladas criollas. O estilo sería o eu exterior, a expresión da comunidade.

Eu decidín falar de fraseoloxía porque creo que se a lingua transmite información sobre o nós máis profundo, a fraseoloxía vén sendo a verbalización dos trazos de personalidade da colectividade expresados nesa lingua. Debo dicir, antes de continuar, que non son experto en fraseoloxía, se ben teño acudido a ela en múltiples ocasións, á hora de escribir, sobre todo narrativa, porque sinto que ela é o reflectir do nós. Entendo como fraseoloxía, o conxunto de refráns, dicires, locucións, frases feitas, adiviñas. que empregamos a cotío. Considérase que, en calquera lingua, o maior nivel de destreza está en relación co coñecemento e dominio da fraseoloxía, dos dobres sentidos, dos significados equívocos.

Un dos referentes da fraseoloxía galega é Xesús Ferro Ruibal, quen dende o Centro Ramón Piñeiro dirixe os Cadernos galegos de fraseoloxía, que van polo número 16. No ano 1995, Ferro Ruibal entraba na Real Academia Galega cun discurso titulado: Cadaquén fala como quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre. Nel, entre outras moitas, expón unha idea ben interesante. Di que convén matizar a percepción que temos dos séculos escuros como tempo de silencio literario e documental. Para el esta é unha realidade parcial, xa que malia as dificultades e aínda que iletrada, a poboación de Galicia non deixou de ser creadora, e creación súa é a rica tradición de mitos, ritos, contos, parodias, adiviñas, cantigas, refráns, ditos, todo o conxunto de creacións artísticas que corren de boca en boca, que resultan incontrolados para o poder e que, aínda sendo humildes, non deixan de ter a condición de creación artística complexa e libre. Así, ata a Ilustración e o Rexurdimento, non fomos quen de poñer os alicerces do que hoxe coñecemos con literatura nacional, pero si soubemos explicarnos e explicármonos. Para Ferro Ruibal, durante ese tempo escuro, os galegos crearon, gozaron e transmitiron esa cultura oral que nos compensa da inactividade da literatura de autor. Unha cultura oral que nos espella.

Carme López Taboada e María Rosario Soto Arias, no seu traballo Sete catas na orixe da fraseoloxía, afirman que esta, especialmente se se enfocan aquelas expresións portadoras de valor léxico, reflicten a cosmovisión do pobo que a xerou.

Pero sendo certo o que di Ferro Ruibal, non o é menos que existen ditos anteriores á construción da cultura popular da que el fala; anteriores aos séculos escuros, e que poden axudar a entender unha parte do que foi a nosa historia a partir do século XV. Hai anos, escribín unha novela xuvenil do meu detective privado Suso Espada, e decidín situala en Istambul. Alí, Suso coñece a unha rapaza sefardita, que axuda na tenda de seu pai, vendendo panos de seda. A mociña é real, eu coñecina e mantiven con ela unha fermosa conversa, da que lembro unha pregunta que me fixo: ¿Cúal es la diferencia entre rojo y encarnado? Pois ben, decidín introducila na historia como personaxe, tradutora e interprete con Suso na cidade do Bósforo. Coma sempre, acudín á fraseoloxía para darlle forza e verdade ás súas expresións. Cara oriente, levado na memoria cando a expulsión e conservado como patrimonio oral, a comunidade sefardita conservou un refrán xudeu que me sorprendeu cando o descubrín, pero que comprendín axiña, lembrando que nos séculos XIV e XV en Galicia había un enfrontamento de todos contra todos: igrexa contra nobres, nobres contra monarquía castelá, nobres entre si, irmandiños contra nobres, igrexa contra irmandiños… O refrán di: Todos gallegos y no nos entendemos. Intúo que aínda hoxe hai algo de verdade nese dito.

O ano pasado convidáronme a dar o pregón das festas de Ourense. Nel, contra o final, proclamei que hai un xeito particular de ser, que é ser de Ourense. Falaba de estilo, claro. Lembrei entón un chiste de Forges, publicado nos anos setenta ou principios dos oitenta, no que se ve a dous homes arrastrándose polo deserto, barbados e case sen roupa, e o que vai detrás, exclama: Meu Ourense! Maneira ben particular, breve e plena, de expresar a saudade, ese sentimento que tentaron definir Ramón Piñeiro, no seu traballo Para unha filosofía da saudade, e Torres Queiruga, no discurso de entrada na Real Academia Galega, titulado: Nova aproximación a unha filosofía da saudade. Para este último, a saudade é unha singularidade luso-galaica, referida a sentimentos anímicos e espirituais. Piñeiro consideraba a saudade como un sentimento de soidade carente de significación patolóxica, non como a morriña, que na súa opinión ten algo de tristura depresiva. É moita a literatura oral e de autor que temos sobre a saudade. Pensando en Antón deixo aquí esta referencia local, frase da parroquia de Lira, en Carnota, onde din: Dende aquela ten saudades de Lira.

Pero se falamos de viñetas, de tentar explicar como as frases de uso común se refiren a nós, como expresan, por exemplo, a relatividade coa que enfrontamos a vida e a morte, como non lembrar aquela de Xaquín Marín que Eva Veiga lembrou para min, na que se ve a dous homes sentados nun banco diante da Torre de Hércules?. Supoño que isto haberá que imaxinalo cos necesarios silencios. Di un: Sabes o que che digo? (silencio que non está no debuxo pero compre expresar) Que todo che vén sendo relativo. Ao que o outro, logo doutro silencio que tamén supoño, responde: Iso depende.

Si, a fraseoloxía fala ben de como somos. Con tendencia á saudade, á prudencia, discretos e retranqueiros, quizais algo tristeiros e desconfiados, eses serían algúns dos nosos trazos de carácter, relatados de maneira transversal pola fraseoloxía, porque case todos os nosos dicires expresan algo diso na súa esencia, sexa cal sexa o significado.

Repasando, brevemente, algúns dicires que falan de nós e do xeito que temos de enfrontar as cousas, podemos lembrar:

Polo si ou polo non, referido á prudencia.
Se chove que chova, o clima e unha certa enteireza, que non resignación.
Manda chover na Habana!, cousa extraordinaria e eco da emigración.
Unha voda sen caldo, memoria da fame.
Vai chorar a Cangas, incorporación dun feito histórico ao ser colectivo.
Ir na misa co recado, referencia aos preguiceiros, lacaceiros ou nugallaos.
Estaba de ser, un xeito de aceptar a fatalidade.
Éche pan emprestado, unha maneira de entender a vida.
Imos indo ou O caso é ir indo, que expresaría, este si, certa resignación.
Non todo é terra chan, dicir, sen dicir, que temos dificultades.
Á mantenta, facer algo con verdadeira intención.
Un díxome díxome, xeito de definir a murmuración.

Con respecto á discreción, non hai moito un veciño meu de Lira sorprendeume cunha expresión concisa e plena. Desaparecera unha muller, que veciños e garda civil buscaron durante semanas polos montes e polo litoral. Atopouna un mergullador, entre unhas penedas das illas Lobeiras, prendida a un aparello de pesca atrapado entre as rochas. Pregunteille ao meu veciño que lle acontecera para saír do seu cuarto e, presuntamente, deixarse levar polo mar, e el respondeume: Padecía. Pregunteille eu: De que? E el dixo moi serio: Do seu.

Acaso na memoria de moitos de nós permanece aquel Aquí pasou o que pasou, de Iglesias Corral, para dar conta, ou para non dala, dun feito histórico transcendente, como foi a moción de censura contra o goberno de Fernández Albor en 1986, frase pronunciada diante dos xornalistas ao final do Consello da Xunta onde aconteceu todo.

Empregamos comodíns, expresións polivalentes e polisémicas, que substitúen verbos e substantivos, como o “aquel”: Aquilo aqueloume. “Meu pai está moi aquelado porque lle deu un aquel”, díxome un día un mariñeiro de Muros. Tardei en saber que seu pai sufrira un infarto e que ingresado no hospital en Compostela, o médico informara de que o seu estado era grave.

Somos quen, ademais, de facer préstamos a outras linguas, velaí o Habelas hainas, ou Tarde piache, que aparece en moitos textos como expresión italiana, sendo, como é tan de nós.

A fraseoloxía, hoxe, é moi empregada na publicidade. Este é un fenómeno que se dá en todas as linguas, sendo a nosa principal referencia as campañas realizadas dende o ano 2007, pola cadea de alimentación Gadis: Vivamos como galegos, Sintamos como galegos, Presumamos como galegos, Sairemos como galegos, con aquelas dúas incidencias fraseolóxicas: Malo será e Se chove que chova.

A fraseoloxía, polo seu valor referencial, descontextualizada e ofrecida a través dun medio non habitual como é a televisión, liberada do efecto automático que opera sobre nós cando a empregamos, produce varios efectos: por unha banda aumenta a atención, de maneira que o dito non pasa desapercibido; alumea e resalta a semántica que a frase encerra; fíxase na memoria e actúa de maneira emocional sobre cada un dos membros da colectividade e, tamén, sobre esta no seu conxunto.

As campañas de Gadis pretendían vender, provocando un sentimento de pertenza, de comuñón, de solidariedade. Aínda hoxe é posible seguir na rede o impacto que tiveron os anuncios, proxectados no cine e na televisión. A campaña fai referencia ao estilo, á expresión da personalidade, non tanto á identidade. Vivamos como galegos significa: comer ben, gozar das mellores praias e paisaxes, participar da festa, acudir os domingos á casa da nai e á aldea, vivir instalados na eterna dúbida entre subir ou baixar a escaleira, responder cunha pregunta.

Galicia terra coma un xardín, sempre verde; Fin da terra e centro do universo; os galegos inventores do futbolín; o lugar onde o xantar é unha relixión; xente riquiña, cun neoloxismo, riquiñez; habitantes dunha terra pura, máxica e sen igual; onde están as mellores nais e os mellores pais; a colectividade que máis nomes ten para a choiva, pero sabedora de que, empregue o que empregue, sempre escampa; onde as cousas boas son da casa… Con ameixas de Carril, pan de Carral, Lacón con grelos, Rapas das Bestas, Pementos de Padrón, Illas Cíes, o mellor fútbol, as mellores festas, -ata 17.340, di o anuncio de Vivamos como galegos-, elementos todos que remiten ao xantar e á festa como referencias de participación e expresión colectiva.

Como vemos, todos eles invocan lugares comúns e tópicos, que non afondan tanto no ser da comunidade, na identidade que o anuncio ignora, como nas súas manifestacións, e ese é o aspecto que me gustaría salientar aquí.

Nos anuncios, a fraseoloxía xoga un papel fundamental para definir o estilo:

  • A utilización de Bueno (así, castelanizado o din no anuncio) Vai calor?Bueno/ Vai frío?… Bueno/ E a familia?… Bueno.
  • A pregunta total: Fran, que?
  • Con maneiras indirectas de nos achegar: E logo, ti de quen ves sendo?
  • Con máximas que relativizan: Igual que che digo unha cousa, dígoche outra
  • Cunha maneira positiva de expresar a resignación: non me queixo

Hai varios traballos críticos sobre estes anuncios publicitarios. Francesco Screti refírese á banalización dos elementos que identifican a nación. Na súa opinión, o emisor, a través da descrición, narración e representación dos estereotipos máis pintorescos e folclóricos dos galegos, constrúe un discurso compartido polo grupo, xoga cos conceptos dentro/fóra, e banaliza os elementos políticos e ideolóxicos do nacionalismo, que emprega para obter obxectivos e beneficios comerciais.

Helena González, fai fincapé no feito de que a marca utiliza as emocións para potenciar o consumo; vulgariza e ridiculiza o papel da muller; remodela e aprópiase dos elementos de cohesión dándolle un tratamento superficial e manipula de maneira intencionada, un feito complexo e traumático como foi a emigración.

Mª Ángeles Rodríguez Fontela, nun traballo comparativo dos anuncios de Gadis e Campofrío (analizando os spots dirixidos por Álex de la Iglesia e Icíar Bollaín), considera que para conseguir os seus obxectivos, o publicista serve ao imperativo da aparencia, do que se manifesta no máis superficial, e anula no receptor o impulso interpretativo crítico, asegurando que a publicidade convida á rendición, non á reflexión.

Porén, seguindo como vos dicía a resposta da xente nas redes sociais, podemos apreciar que:

  • Unha gran parte das opinións, expresadas por galegos, manifestan sentir orgullo e identifícanse coas imaxes que ven e co discurso que escoitan.
  • A publicidade de Gadis provoca fóra reaccións excesivas. Unhas descualifican pola mensaxe dos anuncios a toda a colectividade; comentarios que nos definen como chovinistas e aínda, nalgún caso, son interpretados como un primeiro paso cara un proceso semellante ao que coñecemos como o dereito a decidir da sociedade catalá. Algúns falan, aínda, de camiño cara a independencia.
  • Atopei a opinión dunha muller que afirma que xa se sabe que Gadis é galega e que os seus donos nunca se manifestaron contra o nacionalismo.
  • En calquera caso, a min chamoume a atención, logo de ler dúcias de entradas nos blogs e chats, que moita da xente de fóra da comunidade, residente ou non aquí, manifestan a súa opinión de que, sexamos conscientes ou non, somos tal e como o anuncio nos retrata, pero esta sensación non vén propiciada pola imaxes, senón por esas dúas frases que son agora de uso común, emblemático e retranqueiro: Se chove que chova e Malo será. E lembro, entón, aquela reflexión de Sartre, quen afirmaba que unha parte do noso ser, vén condicionado por como nos ven os outros.

Dito o anterior, concluiría esta comunicación dicindo que a fraseoloxía manifesta unha maneira de ser e de nos comportar, de enfrontar as circunstancias da vida. A fraseoloxía fai referencia ao estilo, en tanto que reflicte actitudes, costumes, comportamentos e xeitos de vivir, pero afírmase en valores profundos., de maneira que formaría parte da identidade. Pero non é sinónimo dela. A fraseoloxía, como expresión do estilo, é quen, por si mesma, de verbalizar como nos vemos, incluso como somos, pero na miña opinión, soa, en ausencia doutros factores, non abonda para construír unha identidade, o que tamén lle sucede ao estilo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisement

MANUEL MARÍA

Muiñeiro de brétemasNo ano 1950, a colección Benito Soto publicaba o primeiro libro de Manuel María, Muiñeiro de brétemas. No proxecto Benito Soto participaba un poeta tan esquecido como bo, Manuel Cuña Novás. Sempre amei ese libro, dende que empecei a ler poesía galega. Sei que nun momento influíu moito en min, en nós, os mozos que aprendiamos a escribir nos primeiros anos setenta.

Tentabamos collerlle o ritmo aos seus poemas, xogabamos con el a facer endecasílabos, que moi ben nos ían para os poemas militantes que escribiamos. Nel tamén aprendiamos a escribir versos comprometidos, aínda que aquel primeiro libro seu estaba lonxe da poesía de loita e só mantiña compromiso co ser do poeta. Lembro por exemplo o principio de Horizontes:

Eu vou pensando en tí polos camiños
que me dicen unhas cousas moi estranas
pra que se perdan logo no horizonte
ou nas ponlas verde-oscuras dun carballo.

Si, procurabamos o ritmo, o xeito de adxectivar, a relación coa natureza, aprendiamos o léxico. Viñeron logo outros libros, outros autores, pero eu sempre gardarei lembranza desa obra, como a gardo da Esmorga, de Blanco Amor, o libro que me levou a escribir en galego, ou Arredor de si, de Otero Pedrayo, que me fixo tomar consciencia de Galicia.

Este 17 de maio é o seu día. Manuel María sempre foi poeta da xente, e é moita a xente que lle quere. Eu deixo aquí esta lembranza e cariño para con el, e comparto este poema Alborada, daquel primeiro libro seu:

Xogando na luz da alba
con aguilladas de sombras
muiñabas doces brisas
no teu muíño de follas.
 
                                   Os ventos, que non te ouvían,
                                   cos seus foguetes nas eiras
                                   depenicaban nas eiras
                                   garabullos de milleiros.
 
Asubiaban os melros
alalás entre as silveiras.
¡E a preta noite morría
aforcada nas cerdeiras!

 

Hai meses escribín para un proxecto colectivo un poema que xogaba con versos seus. Escollín eu o poema Sei dun país, vai como complemento ou coda.

Sei dun país que existe e non existe
Sei dun país –O camiño é unha nostalxia-
Manuel María
Sei dun país que existe e non existe
Sempre agochado e sempre tan presente
Entre o si e o non, arrriba, abaixo
Un pé no mar e outro na almofía.
 
                                  Nunca souben, nin sei, cal é o soño
                                  Extraviada procesión de ausentes
                                  Corpo de sal confundido na brétema
                                  Esquecida voz na sucesión dos días.
 
Entre o devalo do merlo e o cantar da lúa
O meu país recita nos cantís doentes
Respira e dorme, avanza e retrocede
Paixón que se desangra en poesía.
                                 Horizonte de mar, berce de terra
                                 O meu país latexa arborescente
                                 Ten orgullo de seu, ten soidades,
                                 Confundido de pranto e de alegría.
 
Son dun país que amo e que rexeito
Deitado entre solpores e abrentes
Co futuro debuxado en pedra,
Vizoso corazón, sede de vida.

RAMÓN OTERO PEDRAYO

Infatigable, meu amigo Xosé Manuel segue na procura de materiais curiosos e históricos. Agora deu con este artigo que publiquei no ano 1986 no xornal La Voz de Galicia, naquel suplemento mítico para moitos, iniciado por Luis álvarez Pousa e, daquela, coordinado por Arturo Lezcano.

Falaba eu de Otero Pedrayo. Dáme a sensación de que hoxe, Otero, está moito menos presente entre nós que entón, cando Carballo Calero denunciaba a súa pouca presenza na vida cultural galega. E é mágoa, porque a súa literatura é lugar onde aprender e onde reflexionar. Para min tres dos seus libros deberían ser lectura obrigada de todos nós, penso nestes: Ensaio histórico sobre a cultura galega, Guía de Galicia e Arredor de si, sen lle facer de menos a todo o resto.

Por actitude, por coherencia, por coñecemento ou por amor a unha terra e aunha fala, Otero debería ser hoxe referencia en tempos difíciles, días nos que creban os valores, nos que sobrevivimos á corrupción, nos que enfrontamos a perda da identidade e a agonía da lingua.

No club de lectura da biblioteca González Garcés, lemos Arredor de si e O mesón dos ermos, con fortuna desigual, pero con paixón e alegría. O que observamos, conversando entre nós, é que existe un interesado preconcepto de que Otero sempre é difícil e barroco, dese xeito semella desculpado o esquecemento. E non é así, ou non sempre é así. Otero é o verbo rico e fértil dunha lingua viva e, sobre todo, é unha clara e limpa interpretaciòn da terra, da súa xeografía, do seu ser.

Vai o artigo. Hoxe correxiría a lingua, pero quizais para nada o resto. Dicir, unicamente, que no último parágrafo eu non escribín rúa da Paz, senón rúa de Santo Domingo. O cambio foi cousa de Arturo Lezcano, quen considerou que eu erraba os nomes das rúas de Ourense, xa que Otero, como Risco e como o Xocas, viviron na rúa da Paz. Pero eu empregaba ben o nome da outra, a de Santo Domingo, porque forma parte da miña memoria de infancia ver vir cara min a enorme figura de Otero, recortada contra o sol mediodía, camiñando rúa adiante, dende a Praza do Ferro. E non é esa imaxe dunha soa vez.

Premendo dúas veces sobre o artigo sae a lupa que permite ampliar e ler. A ilustración é de Xaime Quesada, publicada no libro Ourense, publicado pola Caixa de Aforros de Ourense en 1966, con textos de Otero. No libro figura cun pé que di: Ourense óllase nos espellos do Miño.