POR CHÉVERE

Foi esta unha fin de semana luminosa; ventosa, si, pero chea de brillos e de luces na que o sol, malia as poucas horas de que dispón, secou o aire e os corpos. Camiñando o sábado polas praias de A Gavota, Porto de Barca e Anguieiro, en Lira, vendo os corvos mariños repousar secando as ás nos petóns, atopamos a Miguel de Lira, acompañado do seu amigo Paco Bixou e varios cans. Miguel presentounos a Paco como o catalizador ou reactor que no seu día fixo posible o nacemento de Chévere. Ían moi contentos os dous, a semana merecíao, estrea da Esmorga cun éxito de público pouco usual no cine galego e Premio Nacional de Teatro para o grupo Chévere.

Cormorans ©ml1040203

Sobre as penedas que separan Porto Ancho da praia da Gavota, falamos dos inicios da vocación, contoume como descubriu que lle gustaba o teatro, de como naceu a compañía, do que significa o premio e como o sentiron a reacción do público, xa na primeira función despois de se anunciar a decisión do xurado. Segundo el, un premio como este cambia a percepción psicolóxica do público e ten un efecto chamada. Tamén eu lle contei da miña experiencia teatral, sobre todo en Histrión 70 e de como decidín que non me dedicaría ao teatro. Falamos logo das versións da Esmorga, en particular da de Sarabela Teatro.

Miguel e Chisco

Coa buguina que atopou na praia de Anguieiro, Miguel estableceu conexión sen fíos sobre as ondas para recibir a felicitación da dirección dalgunha institución cultural do país, moi significativa dende o punto de vista teatral, que decidiu gardar silencio diante do premio e non os felicitou.

Miguel de Lira©ml 001

O último espectáculo de Chévere que vin foi Eurozone, pero lembro con cariño a primeira vez que levamos a Daniel ao teatro, a ver Río Bravo 02, e emocionoume ver como escachaba co riso. En Lira temos unha particular relación coa xente Chévere, xa que son habituais colaboradores dos Canle Nius, dos de agora e dos de antes, que ese clásico teatral que só se representa unha vez e que chega cada mes de xuño, naceu cando a asociación cultural Canle organizaba as Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional, coñecidas e lembradas na contorna como As Xornadas. O vínculo vén por Miguel, claro, que si ten efecto chamada sobre os compañeiros de profesión.

O día que souben do premio, lembrei a Roberto Vidal Bolaño, a Francisco Taxes, a Manuel María, que xa non están, pero tamén a todos os que ao longo dos últimos cincuenta anos, achegaron algo á construción do teatro galego como profesión, experiencia ilusionante, pero tamén difícil e heroica, con algo de épico e moito de resistencia.

Non sei se falta alguén, pero dende aquí vai esta aperta para e pola xente que compón Chévere: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manolo Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade e Borja Fernández.

O solpor foi tan espectacular como intensa e emotiva fora a semana para Miguel.

Solpor de novembro

(Todas as fotos, agás esta última, son de Maribel Longueira)