O cotián ten cousas sorprendentes. Realmente é el quen lle dá aire aos días. Nel está a aventura maior, a posibilidade de sorpresa, de alegría e, tamén, de decepcións e de tristeza. No cotián váisenos a vida. Vén isto a conto porque estes días, comprobando cantas traducións de Aurora Bernárdez hai entre os meus libros, volvín a Vladimir Nabokov. Ningunha das obras que teño del foi traducida por Aurora e é mágoa, porque si son dela case todo o Calvino que gardo, algún Camus, La Náusea de Sartre, o Cuarteto de Alejandría de Durrell, Simone de Beauvoir; e digo o da mágoa porque me gusta moito como exerce Aurora o oficio de tradutora, o cal sempre supón, tamén, un xeito de escribir. Remexendo, a man deu, ou quedou prendida, a unha novela que non lera, Risa en la oscuridad (Laughter in the Dark), escrita en 1938 e que forma parte xa da obra americana do autor nacido en San Petersburgo.
A lectura deste libro en catro días supuxo unha desas aventuras humildes que suceden no transcorrer das semanas, na quietude do fogar, mentres fóra chove. Son varios os elementos de Risa en la oscuridad que anticipan Lolita, novela ben querida polo director de cine ourensán Xavier Bermúdez e feita película por Stanley Kubrick, en 1963. Está, dende logo, a sedución que a rapaza adolescente exerce sobre o home maduro. Xa o dixen antes de agora, pero non está de máis lembrar que Nabokov e Buñuel son dúas das referencias na obra de Xavier.
A novela narra a historia dun berlinés de clase alta, Albinus, casado e pai dunha filla, que namora de Margot, unha acomodadora de cine. Dende o principio sabemos que a historia non rematará ben, pero non por iso deixamos de ler, velaí a habilidade narrativa de Nabokov, quen nos sorprende con algún xogo malabar extraordinario, como a descrición que fai, cambiando dúas veces a perspectiva, do accidente de coche que Albinus e Margot sofren nunha estrada retorta das montañas da Provence. Albinus case non sabe conducir, circunstancia que compartía con Nabokov, quen nunca aprendeu, dependendo totalmente, dende o punto de vista da automoción, de Vera, a súa muller. Quizais por iso a agasallaba con debuxos de bolboretas fermosas. Porque Nabokov era, tamén, un grande entomólogo, encargado durante un tempo da colección de bolboretas da Universidade de Harvard, exercendo de curador. Un xénero destes lepidópteros recibiu, na súa honra, o nome de Nabokovia.
A condición de escritor e científico non é infrecuente no mundo da literatura. Goethe deixounos a teoría das cores, a metamorfose das plantas ou os traballos sobre o óso maxilar. En Galicia temos o caso excepcional de Rafael Dieste, autor dun texto sobre os axiomas, dun tratado do paralelismo ou do Testamento geométrico, escollido por Roberto Bolaño como un dos soportes da súa obra maior, 2666, sempre de lectura obrigada e, de maneira particular hoxe, cando asistimos a esa convulsión, case revolucionaria, que padece a sociedade mexicana.
Lembrar, pechando este círculo, que Aurora coñeceu a Cortázar pouco antes de mudar este a vivir no piso de Dieste e Carmen Múñoz na Rúa Lavalle, realquilado a Cortázar por Luis Baudizzone, o encargado por Carmen e Rafael de se ocupar das súas cousas en Bos Aires, no tempo no que Dieste foi lector de castelán en Cambrigde.
Esta Margot da historia lembroume a do tango de José Ricardo e Celedonio Flores, interpretado por Gardel. E volvín de novo, con saudade, ao café Margot, alá por Boedo, onde conservan os seus presuntos guantes e o seu bolso, café onde sitúo un dos relatos do libro Para seguir bailando, o titulado, precisamente Margot a noite e un adeus. Así son os camiños do cotián e aquí deixo o tango en versión de Joan Manuel Serrat.