POR CHÉVERE

Foi esta unha fin de semana luminosa; ventosa, si, pero chea de brillos e de luces na que o sol, malia as poucas horas de que dispón, secou o aire e os corpos. Camiñando o sábado polas praias de A Gavota, Porto de Barca e Anguieiro, en Lira, vendo os corvos mariños repousar secando as ás nos petóns, atopamos a Miguel de Lira, acompañado do seu amigo Paco Bixou e varios cans. Miguel presentounos a Paco como o catalizador ou reactor que no seu día fixo posible o nacemento de Chévere. Ían moi contentos os dous, a semana merecíao, estrea da Esmorga cun éxito de público pouco usual no cine galego e Premio Nacional de Teatro para o grupo Chévere.

Cormorans ©ml1040203

Sobre as penedas que separan Porto Ancho da praia da Gavota, falamos dos inicios da vocación, contoume como descubriu que lle gustaba o teatro, de como naceu a compañía, do que significa o premio e como o sentiron a reacción do público, xa na primeira función despois de se anunciar a decisión do xurado. Segundo el, un premio como este cambia a percepción psicolóxica do público e ten un efecto chamada. Tamén eu lle contei da miña experiencia teatral, sobre todo en Histrión 70 e de como decidín que non me dedicaría ao teatro. Falamos logo das versións da Esmorga, en particular da de Sarabela Teatro.

Miguel e Chisco

Coa buguina que atopou na praia de Anguieiro, Miguel estableceu conexión sen fíos sobre as ondas para recibir a felicitación da dirección dalgunha institución cultural do país, moi significativa dende o punto de vista teatral, que decidiu gardar silencio diante do premio e non os felicitou.

Miguel de Lira©ml 001

O último espectáculo de Chévere que vin foi Eurozone, pero lembro con cariño a primeira vez que levamos a Daniel ao teatro, a ver Río Bravo 02, e emocionoume ver como escachaba co riso. En Lira temos unha particular relación coa xente Chévere, xa que son habituais colaboradores dos Canle Nius, dos de agora e dos de antes, que ese clásico teatral que só se representa unha vez e que chega cada mes de xuño, naceu cando a asociación cultural Canle organizaba as Xornadas Internacionais de Cultura Tradicional, coñecidas e lembradas na contorna como As Xornadas. O vínculo vén por Miguel, claro, que si ten efecto chamada sobre os compañeiros de profesión.

O día que souben do premio, lembrei a Roberto Vidal Bolaño, a Francisco Taxes, a Manuel María, que xa non están, pero tamén a todos os que ao longo dos últimos cincuenta anos, achegaron algo á construción do teatro galego como profesión, experiencia ilusionante, pero tamén difícil e heroica, con algo de épico e moito de resistencia.

Non sei se falta alguén, pero dende aquí vai esta aperta para e pola xente que compón Chévere: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Manolo Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Pepe Penabade e Borja Fernández.

O solpor foi tan espectacular como intensa e emotiva fora a semana para Miguel.

Solpor de novembro

(Todas as fotos, agás esta última, son de Maribel Longueira)

Roberto Vidal Bolaño

O vindeiro ano a festa das letras galegas estará dedicada ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Agora, xa, neste final de 2012, aparecen as primeiras novidades editoriais, ben publicando a súa obra ou ben ofrecendo aproximacións á súa figura.

Eu veño de ler unha novidade ben recente, escrito por Camilo Franco e que leva por título Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño. O libro serve de recordatorio do escritor (xa advirte Camilo que o noso Roberto Vidal Bolaño non é un escritor chileno) e, tamén, de aproximación ás que foron as 10 pezas máis importantes escritas e representadas por Roberto. Particularmente interesante e suxestivo o limiar, que sitúa a Vidal Bolaño ou RVB, como escribe Camilo, no seu contexto histórico e explica a súa evolución como escritor teatral e como director.

Eu gardo lembranzas de tres momentos diferentes na vida de Roberto. O primeiro estaría situado a finais dos anos setenta e tería como escenario o local da Asociación Cultural Abrente de Ribadavia. Xuntábase alí a xente do teatro logo das representacións, para analizar as obras do día e debater o camiño a seguir polo teatro galego que nacía. Eran os días das primeiras Mostras. Eu lembro erguerse e falar con paixón a Manuel María, Manolo Lourenzo e Roberto, ofrecendo cada un a súa visión de por onde debería ir o teatro galego para transformarse no teatro dun país.

O segundo coincide coa posta en escena, eu penso que foi na estrea en Compostela, no ano 1980, da Bailadela da morte ditosa. Nela traballaba Bernardo Corral, Poro, que logo formaría parte do elenco do noso Caritel, a compañía con sala estable, fundada en Ourense por Manuel Guede e por min. Bernardo abandonaríanos un día río abaixo. A el dediqueille un poema titulado Último acto, incluído no libro Miño, que xa postos, quixera lembrar aquí:

Dobrou a roupa

coma quen prega a derradeira folla

dun almanaque de brétemas.

Ollou o peitoril dos pasos e das voces,

sóubose frío e viuse

enfrontado a un labirinto de ecos

no escenario da ausencia,

recitando un texto que advertía

da rendición das sombras.

Logo, na cegueira da ponte,

o remuíño bebeu

o ronsel do seu aire.

O terceiro momento con Roberto é ese tempo no que, chamados por Antón Dobao, Xosé Luis Méndez Ferrín, Antón Lopo, Miguelanxo Prado el e eu, formamos parte do proxecto titulado Un mundo de historias, que pretendía ofrecerlle a productoras do audiovisual galego, argumentos da nosa literatura co que facer series ou tv movies. Lembro con saudade eses días, os xantares e as xornadas de traballo, coordinándonos e distribuíndo textos para elaborar futuros guións. Foi a única vez na que traballei con Roberto. Non lembro cales foron os relatos que adaptou el. Si que, se non me falla a memoria, a Miguelanxo tocoulle facer o guión para a adaptación do relato A Biblioteca da Iguana, de Xosé Miranda e a min Pataghorobí, de Cid Cabido.

Hoxe, coa perspectiva do tempo, penso que a realidade do teatro galego, con compañías profesionais, algunhas residentes, debe o seu ser a persoas como Manuel Lourenzo e Roberto Vidal Bolaño. Que o vindeiro ano sexa próspero para o teatro do país e que a palabra de Roberto encha todos os escenarios.