César Morán, na súa páxina de facebook, cualifica de apoteótico o concerto de Silvio Rodríguez, o pasado venres, na Coruña. Milleiros de persoas chegadas de toda Galicia, case dúas horas e media de concerto, con 8 bises. Chamoume a atención que tamén el tirase fotos do público, como se quixese gardar lembranza dun momento especial, el que tantos viviría sobre o escenario.
Excepcional o grupo que o acompaña e co que se atreve a interpretar a suite completa da Muller con sombreiro, formada por catro cancións e que ata esta xira nunca interpretara. Segundo el dixo, é a calidade do grupo de jazz que viaxa con el o que o animou a incluír a suite completa no repertorio.
Falou de moitas cousas, de García Márquez, da vida e da morte, tamén do poeta cubano, morto tan novo, Rubén Martínez Villena.
Gústame a música e son moitos os músicos aos que quero e dos que aprendín cancións. Porén, son poucos os que deixaron pegada na miña vida. Entre os anos 1979-1980, Silvio Rodríguez cambiou o aire dos meus días, con varias cancións, as primeiras que coñeciamos del, Ojalá, pero sobre todo Óleo de mujer con sombrero. Sempre estarei en débeda con el, aínda que non o saiba, cambioume a vida, e o outro día, cando lla escoitei cantar de novo, emocioneime.
Dicir que Silvio Rodríguez, con interese e xenerosidade, colaborou no libro Entremiradas II -Cuba-Galicia- de Maribel Longueira, autora das fotos que acompañan esta sucinta referencia a un momento tan particular.
O público cantaba as súas cancións, o que sempre impresiona. Rematou co Unicornio azul. Beatriz García Trillo, antes do concerto, nunha mensaxe de whatsapp, non podendo acudir, pedíame compartir unha bágoa cando cantase esta canción. Por ti, Bea: