Se hai pouco máis de quince días, era con Jorge Edwards con quen podiamos falar de literatura chilena, do Chile anterior ao golpe de estado e de Salvador Allende, o pasado sábado, en horario matinal, a oportunidade repetiuse e puidemos invocar de novo a figura do Presidente que quixo transitar polo carreiro difícil do socialismo democrático e, con el, a de Víctor Jara, a de Pablo Neruda e tantos outros. Desta vez a aproveitamos a visita do escritor e editor Gonzalo Contreras, de viaxe por Europa para presentar os dous tomos do libro La cultura con Allende, do que é autor e editor, xunto con Eduardo Vassallo.
O acto, promovido pola A.C, Irmáns Suárez Picallo, organizado por vivirnacoruña.es e presentado por Francisco Pita, desenvolveuse no local das Portas Ártabras, na cidade vella coruñesa e contou coa participación do cantautor César de Centi, quen interpretou tres cancións, unha propia e tamén Te recuerdo Amanda, de Víctor Jara e Yo pisaré las calles nuevamente, de Pablo Milanés, quen por certo foi intervido a semana pasada dun transplante de ril no Complexo Hospitalario Univesitario da Coruña. César publicou recentemente o seu segundo disco La luz de los gigantes. Neste vídeo César canta con Félix Arias.
Os dous tomos da obra presentada suman máis de 1200 páxinas e nelas recóllese a crónica da relación e apoio do mundo da cultura co goberno de Salvador Allende. Precedeu á presentación a proxección dun documental que puxo en antecedentes aos asistentes, lembrando o que foron os mil días de goberno de Allende, o seu intento de acceder ao socialismo pola vía democrática, as folgas salvaxes da patronal para boicotear a economía e o abastecemento de alimentos e a traizón dos militares. Dalgún xeito, esa crónica está recollida na obra presentada, pero narrada dende o punto de vista da intervención cultural e dende a expresión dos artistas e creadores chilenos.
O debate que seguiu á presentación foi vivo, emotivo e intenso. Nel, Gonzalo contounos a historia da vinganza de Antonio Ramón Ramón contra o xeneral Roberto Silva Renard, responsable da matanza de traballadores, mulleres e nenos na escola Domingo Santa María de Iquique, na que morreu o irmán ilexítimo de Antonio, Manuel Vaca. Gonzalo confundiuse e pensou galegos os irmáns, que en realidade son orixinarios de Granada. Porén, a historia resulta moi interesante. Investigada polo historiador Igor Goicovic Donoso, recolleuno no libro Entre el dolor y la ira, do que deixo este enlace.
Entre el dolor y la ira. La venganza de Antonio Ramón …
Gonzalo Contreras deixoume tamén un agasallo especial, a súa selección de poetas chilenos contemporáneos, na que figuran vinte autores, dende Carlos Pezoa Véliz ou Gabriela Mistral, ata Raúl Zurita e Diego Maquieira, contemporáneos nosos.