Onte, na Coruña, por quinto ano consecutivo e sempre por estes días previos a Nadal, celebrouse o día Lugrís. Urbano Lugrís ou Ylysses Fingal, que ese era o seu heterónimo escritor.
A festa tivo de todo: elaboración dun mural sobre unha parede medianeira, á beira dunha das casas nas que o pintor viviu na cidade. Obradoiro de decoración de paraugas, con moita cor, iniciándose logo unha manifestación surrealista ata o Xardín de San Carlos. Alí, nunha performance, representouse o momento do primeiro encontro entre Lugrís e Antón Avilés de Taramancos, convocados ambos polos versos que Rosalía lle dedicou ao xeneral inglés John Moore, alí enterrado. Fixo de Lugrís o escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Logo a manifestación de cor chegou ao antigo Papagaio, onde no local Monty celebrouse un recital poético no que participaron Manuel O’Rivas, Xosé Iglesias e o Ulysses dos mares do norte, coñecedor das paisaxes do frío, o mítico mariñeiro de Monte Alto e tamén poeta, Serafín Mourelle.
Moncho do Orzán amenizou a festa co acordeón e a balada de Lugrís escoitouse en toda a cidade: Urbano, Urbano, Urbano Lugrís/ Urbano, Urbano, Urbano Lugrís/ que pintou o mar, soñou un país… Como cada ano, Xurxo Souto foi mestre de cerimonia.
Manuel O’Rivas lembrou os días do Xurelo e a expedición á fosa Atlántica para denunciar os verquidos radioactivos e que axudou a prohibir o verquido deste lixo ao mar en todo o planeta.
Foi tarde festiva, poética, de alegría e de amigos.
As dúas imaxes de hoxe son de Xacobe Melendrez, na primeira Moncho do Orzán toca o acordeón. Na segunda Manuel Rivas conta a odisea do Xurelo, diante da foto da tripulación do pesqueiro.
Este é un fermoso poema de Ulysses Fingal, escrito en homenaxe a Picasso. Picasso, que aprendeu a pintar aquí, e non o digo eu, que o deixou escrito el. Por certo, o ano que vén, na Coruña, será o ano Picasso. O primeiro acto foi a presentación, o pasado xoves, do libro PICASSO AZUL Y BLANCO -A Coruña: el nacimiento de un pintor- de Rubén Ventureira e Elena Pardo.
UN RÉQUIEM CATIVO PARA UN PINTOR GRANDE