VENTO E PRIMAVERA

Debo rectificar, e rectifico. Galerna e cicloxénese son fenómenos meteorolóxicos distintos. Outra cousa é que a miña ciencia alcance para saber explicar como é o proceso de cada un, así que non me meterei aí. Pero si aclaro isto polo comentario que fixen na entrada anterior.

Andan os ventos revoltos. Cunqueiro quixo facer mapa deles, pero para o que vivimos estas semanas, semella que mapa sería pouco, un atlas completo faría falta para interpretar, debuxar, describir e comprender o ser de cada un dos moitos que nos visitan este inverno. Enfurecidos, diabólicos, irados, así chegan.

O escritor romántico inglés, Percy Bysse Shelley, escribiu unha fermosa oda ao vento do oeste (Ode to the west wind). A oda remata con estes versos: The trumpet of a prophecy! O Wind,/ If Winter comes, can Spring be far behind?. Cortázar traduciu: Trompeta de la profecía!, Oh viento/ Si el invierno viene, ¿no vendrá detrás la primavera?, aínda que eu, se o cronopio Julio mo permite, quédome coa tradución do meu amigo Xoán Abelaira: Se o inverno chegou, pode estar lonxe a primavera?. Pois iso, xa falta pouco.

Déixovos aquí esta canción The wind, de Cat Stevens, un dos cantantes que máis escoitaba cando era adolescente, hoxe convetido ao islam, co nome de Yusuf Islam. Por certo, tanto en Túnez como en Istambul, os seus discos ocupaban a fronte dos escaparates das tendas de música, porque no mundo árabe, era, non sei se aínda o é, un acontecemento.