TARDE DE NAVEGACIÓN

Vai pasando agosto, con preguiza, pero facendo cousas. Cando non é traballo de mantemento da casa ou do breve xardín, é unha visita que creba a rutina ou unha festa. Estes días estivo connosco Malores Villanueva e con ela percorremos algúns dos lugares máis queridos deste territorio e dos que xa se ten falado neste blog. Hoxe pola noite toca Festórreo, o herdeiro daqueles Canle Nius que organizabamos cando convocabamos as xornadas de cultura tradicional. Onte recitei versos en Vilar de Carnota, nunha festa organizada por Estrella, conducida por César Cambeiro e na que tamén participaron os poetas de León Ildefonso Rodríguez e  Víctor M. Díez, Xoán Lestón de Caldebarcos e Alexandre Nerium de Fisterra.

Atrás deixamos o Pindo e aí vemos o castelo do Pedruio e as furnas do Fornelo.

Atrás deixamos o Pindo e aí vemos o castelo do Pedruio e as furnas do Fornelo.

navegación 22014©ml0482Pero antes, a principio de semana, navegamos. Tiña gana eu de coñecer o litoral que vai dende o faro de Cee (non sei cal é a razón dese nome, xa que está situado en territorio de Corcubión) e o cabo da Nasa. Coa axuda de Merche, a secretaria da confraría do Pindo, demos con Vicente, un mariñeiro xubilado pero novo, corenta e nove anos, do Ézaro, coñecedor do mar no que sempre pescou e ao que ama con emoción.

É ese un litoral onde cambia a xeografía da costa, onde a terra medra e os cantís se elevan, perfil cheo de furnas que eu quería ver, xa que imaxino nunha delas o final da nova novela que ferve na cabeza. Con Vicente, no seu bote Sicho, que significa polbo pequeno, navegamos a súa cadela Cuca, Maribel, Lino Lema e eu. A tarde foi marabillosa, a travesía perfecta. Vicente aproximou o bote ata o límite, por me amosar a boca das furnas máis fondas, pero tamén nos levou ao Carrumeiro Chico e ata a base da fervenza do Xallas.

Faro de Cee

Faro de Cee

Crías de corvos mariños

Crías de corvos mariños

Furado do Corvo, Furado das Pombas, Porto Bravo, Boca de Sapo, Punta da Gurita, Arxel, son algúns dos topónimos que anotei. Pero Vicente igual polemizaba sobre o feito de que o Pindo, tendo unha praia de San Pedro, celebre o San Clemente, ou invocaba a Trajano e Adriano cando falaba comigo das augas termais de Ourense. Por el soubemos que o mar de Lira é un mar seco, porque ten pouca auga.

Unha furna

Unha furna

A seguinte crónica, que espero publicar mañá, será a dunha excursión matinal ao Monte Pindo. As fotos de hoxe son de Maribel Longueira, claro.