SOBOL: novo libro de CARLOS ARIAS

Carlos Arias, compañeiro deste blog, no que tantos comentarios deixa, e amigo entrañable, vén de publicar en edición dixital o seu último libro de poemas Sobol, dentro da colección de libros dixitais de Sermos Galiza.

Non é este o seu primeiro libro de versos, xa antes, na editorial Bubela, publicara Dor da claridade. Tamén e autor de relatos e novelas: O barco de seixo, Libro das capitulacións de Xulio Corveira Andrade ou Ríos que se abrazan. Autor dunha biografía de Eugenio Granell, seu foi o primeiro manual de xadrez escrito en galego.

Para min Sobol é un libro equilibrado e fermoso, un canto de amor escrito dende a plenitude de que aprendeu a vivir intensamente, prescindindo, absolutamente, das interferencias exteriores. Un libro cálido, xa dende o primeiro verso: No medio da mañá o tempo nos abraza.

É o propio Carlos quen explica o título e nos aproxima ao libro: Creo que se ve doadamente que se trata de ‘lobos’ escrito do revés. Vexo o lobo como un animal que avanza en calquera circunstancia, en solitario ou na manda, cunha mirada decidida cara ao futuro, e cos pés ben enraizados na terra. A inversión das letras responde a unha idea especular: entendo que estes lobos corresponden a un mundo ideal, coa súa simboloxía, que se desenvolve virtualmente no espello, á espera de que saibamos crear o vencello para que entren en acción consciente sobre a realidade que vivimos.

Os versos, limpos e cheos de vida, flúen como as augas, poema tras poema, nos que Carlos vai compartindo experiencias e enfiando propostas, como podemos ler nesta estrofa do poema V, que tan a xeito nos vén, non só por cuestións de calendario:

Hei prender as candeas do Aninovo;
hei achegarme lentamente ao peitoril onde a merla
deixou na noite a súa pisada sobre a neve.
Non me trouxo historia ningunha a este planeta,
senón o designio compartido de navegar a escuridade
e percibir a sombra da frecha baixo a auga
para adiantar os pasos, sen saber
se máis alá o abismo se repite.

En todo o libro alenta un ton clásico, dito no sentido máis positivo da expresión: o que prevalece e perdura. Algúns poemas semellan himnos á vida, outros convídannos a beber do máis cotián, pois a ese tempo pertence o máis importante do noso vivir: só aspiro ao té quente da mañá, compartido no aroma vagadío de fogar habitado.

O ser humano Carlos leva tempo prescindindo do que considera inútil, sexan propiedades, lastres ou ruído. Coma el, tamén o verso prescinde do innecesario. Pasa coa súa poesía como dicía Auden que acontecía cos versos de Kavafis (poeta que Carlos recoñece como importante): que nos revelan o dicir dunha persoa que posúe unha perspectiva única do universo, poesía sen adornos, cun dicir directo, na que en cada verso hai un propósito, unha proposición, un acontecemento ou unha emoción.

XXI

Un novo outono chega nos días cálidos de setembro.
A materia sinala a súa verdadeira esencia, a luz
vólvese halo nas copas quietas dos caxigos distantes.
Ouzo a pena por baixo do cachón, o murmurio secreto
que responde a quietude do illó, e comprendo
o baleiro que se agocha debaixo dos conceptos,
privados daquel seu empaque espurio, da doma
que creu someter ao seu presebe
os degorios sen lei
que nutrían os eidos dos sentidos.
De nada vale acadar a felicidade
para quen teme a plenitude; de pouco
serve unha fermosa lembranza
sen presente onde a engastarmos.

 

Non hai outra beira no meu camiño, non teño
un paso atrás que me libere de visitar as sentinas,
de recoller o refugallo e deixar as miñas forzas
extenuarse para chegar, outra vez, ao pé da escadaría.
Un círculo e outro círculo; ningún semellante.
Só a sensación de comezar de novo o trazo,
de ter no pulso a incerteza colleitada,
e gañar só na confianza
de ir máis adiante.

 

Deixo tamén o enlace á entrevista publicada por Sermos Galiza:

http://www.sermosgaliza.com/articulo/cultura/carlos-arias-sobol-aposta-pola-liberdade-poesia/20131217122831022434.html