SOLEDAD PITE, MAR AO FONDO

Onte, xoves, nun dos salóns do Instituto Rosalía de Castro de Composela, participei na presentación do último libro de Soledad Pite Sanjurjo, Mar ao fondo, publicado pola sección editorial da libraría Follas Novas, dentro da colección Os libros do loureiro, que substitúe á anterior Libros da frouma. Mar ao fondo fai o número 11 da colección.

Soledad Cuberta

Con Sole estabamos Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e eu, e resultou curiosa a formación da mesa porque no ano 2012, os catro presentabamos na Coruña os libros Na véspera do silencio de Soledad e o meu Suite Dublín e outros poemas, ambos incluídos na colección Libros da Frouma. Engadir, tamén, que foi numeroso o público, compañeiros, amigos e lectores, que a acompañaron.

Sole 4

Mar ao fondo é libro fermoso que convido a ler. Está ilustrado, ademais, pola propia autora, que conxuga a arte poética coa pintura. Eu escribín o limiar do libro que deixo a continuación por se axuda a que alguén se achegue con cariño e devoción ao libro de Sole, o único importante neste artigo.

Sole 5

Antes, gustaríame transcribir aquí algún poema, como convite a ler máis, engadindo que as imaxes da presentación son de Maribel Longueira:

Non deixes que te enganen,
que nós somos
-contra toda evidencia-
o máis fero dos males,
e ao mesmo tempo,
      as crebas.

 

Ese lugar
escondido na espesura
que se abre ás veces
co rumor das bolboretas
ou quizais coa última choiva
que bicou a lúa e mesmo
cando a pel recoñece
os xestos eternos da tenrura,
ese lugar,
quizais responda
ao nome de memoria

MAR AO FONDO: UN CANTO DE SAL E DE AMOR

Arredor dos encontros de arte e natureza que varias veces ao ano organiza Antón Sobral, sempre suceden cousas marabillosas, porque Antón ten a facultade de convocar, de xerar correntes de simpatía e de amizade, de facer brillar os días, aínda que chova, de conseguir que o mundo sexa un lugar de máis doado vivir. Nun deses encontros coñecín a Soledad Pite e a Pedro Ávila.

Lembro agora un día de final de inverno do ano 2012, xantando nun local frío de Camelle, logo de participar nun acto arredor de Man, o alemán. Ese día tivemos ocasión de falar de vagar Soledad e máis (mais) eu. Coincidía que ambos publicabamos libro na colección Frouma, de Edicións Follas Novas. O dela era Na véspera do silencio e levaba o número 65 da colección. O meu Suite Dublín e outros poemas facía o 66.

Eu xa recibira o libro de Sole, envío do amigo Luís Alonso Girgado e xa o lera. Ese día ela autorizoume a organizar unha presentación na Coruña, na que estariamos os dous, cada un co seu libro. Acolleunos a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, unha tarde de primavera e no acto, xunto a nós, estiveron Girgado e Luís Cochón quen, ademais, escribía un fermoso limiar no libro de Soledad. Nel falaba da súa poética como “palabra pautada, cadenciosa, medida. Palabra para buscar e rebuscar. A volta ao día en oitenta mundos”.

Pouco despois, traballando eu no libro As crebas, outro xeito de andar ao mar, pedinlle autorización para incluír un poema moi fermoso, o titulado Acaso, no que considera o vivir como un conxunto de crebas que dan conta da existencia: …acaso nós sexamos crebas/ que deixan, día a día,/ unha proba apaixoada e contumaz/ da existencia incerta.

Daquela eu coñecía xa a capacidade de Soledad Pite para expresarse e explicarse a través da pintura, de maneira particular da acuarela, arte na que a súa sensibilidade se manifesta nun diluír de formas e de límites, prescindindo do evidente e do innecesario, reconstruíndo as paisaxes dende a emoción. Esa impresión viuse reforzada cando vin, no pazo de Fonseca, a marabillosa exposición Palabras pintadas, na que nos propoñía un diálogo entre óleos, acuarelas, debuxos, poemas, fotografía, música, vídeo e cadernos de campo; material que reuniu para a mostra. Era o último día da exposición e tiven a fortuna de que ela me acompañase, guiándome polo seu mundo sutil de sentimentos e intimidades.

Hai pouco, con motivo dun novo encontro Arte e Natureza, quedamos sós á beira da enorme laxe dun petróglifo moi singular, a Laxe da escrita, en Carnota. O resto de participantes foi descendendo pola pista, as voces perdéronse na distancia e o bosque ficou en silencio. Foi nese silencio onde Soledad atopou o momento creador. Despregou o papel sobre a beira da rocha, abriu as caixas das cores, os estoxos dos pinceis, os tarros con auga e pintou. Observei como sobre o que en principio eran manchas de cor, naceron as formas. Impresionoume a capacidade que amosaba para conseguir as transparencias, as veladuras a través das que se manifestaba a luz. Porque alí todo era luz.

Lembro ese proceso agora, cando me achego a este Mar ao fondo e leo nun poema: Quizais só o silencio/…/ puido levar a conta/ das ondadas/ para esculpir a fermosa caracola/ e acadar labra a labra/ a definitiva forma. Porque algo semellante foi o que sucedeu aquel mediodía. Foi o silencio de mañá definitiva o que nas súas ondadas fixo posible a obra de Soledad.

Este novo libro está relacionado co anterior, como está relacionado co pintar e debuxar de Soledad, e non podía ser doutro xeito, ela que fala de vestir os soños coas cores que pintamos. Na pintura Soledad Pite prescinde do innecesario. Traballa como as ondas dese mar que invoca, procurando a transparencia e a luz. Mar de fondo é un libro transparente e luminoso, no que a linguaxe recupera o seu dicir sinxelo e pleno; lingua da que Sole se vale, unha vez máis, para dende o significado compartido, dende a claridade, participar co lector da emoción máis íntima nun libro que, sendo claro e sinxelo, non ten nada de simple. Humana intuición do misterio, velaí, se cadra, unha aproximación ao ser deste Mar de fondo que, sen proclamalo, é canto de liberdade. Fixen a proba e observei que cada un dos poemas que forman o conxunto pode ser lido nunha clave diferente á que semella obvia, lectura que sucede por debaixo, como corrente soterrada, e que o lector pode procurar ou non, porque xa nos di ela nun verso que a luz nos agasalla a sombra das cousas, e tamén por ela sabemos que o luceiro da mañá é faro na noite.

Non podemos esquecer unha referencia á música, a cadencia, o ritmo perfecto e conciso de cada poema. Xa Antonio Gamoneda escribiu que o pensamento poético é un pensamento rítmico e, tamén, que as significacións poéticas son creadas pola rítmica. Música que xoga rebuldeira na luz que viste o día e que leva a Soledad a sentir a vida bailándolle na pel, compás marcado por un vento de danzas seculares. A música harmónica semella deterse e ficar en suspenso no final dos poemas, nas últimas palabras, esas ás que chegamos coa fascinación de ser cómplices dunha revelación, coa constante ilusión de quen soña atopar na palabra poética a forza capaz de humanizar o mundo. Nese sentido Mar ao fondo é un canto de amor.

Téñolle escoitado dicir a Sole que unha das cousas que máis bota en falta, dende a súa terrestre residencia no interior, é o mar. Confesa que non pode vivir sen el e que nel pensa cada día, velaí unha das razóns do título deste libro, o mar como rumor de fondo que abala o tránsito das horas, ausencia que só poden suplir os soños. Soña Soledad cun mar que nos devolve en turquesas o esplendor do ceo, océano co que mantén unha relación íntima que lle leva a dicir: Levaba un tempo que te botaba en falta. Quería vir para perderme en ti. Nada me dixo o ceo, algo cuberto. Nada tampouco o teu rum-rum de insomnes ritmos milenarios… pero agardábasme.

Pero o mar non é só unha ansia, nin un simple pano, un decorado, nin sequera unha música que acompaña. O mar en Soledad é, acaso, o propio fondo do seu ser, ese lugar recóndito no que a vida vai deixando as crebas da existencia e que, ao mesmo tempo, tamén é creba, porque: do amor e do sal/ ti e mais eu somos crebas, di comparándose, ou comparándonos, cun pecio, crebas abandonadas nun lugar secreto que acaso responda ao nome de memoria, onde é posible buscar, recoller o seixo branco, o vidro, os mil garabullos que o ar vai pulindo bico a bico na suma dos días.

Con Mar ao fondo, Soledad Pite incorpórase a esa longa nómina de escritoras galegas que fan do mar referencia e paixón. A súa ollada, ademais, non é a dunha observadora pasiva. A súa poética é proposta vital e responde á invocación ou berro lanzado por Xohana Torres naquel mítico poema Penélope, do libro Tempo de ría: Eu tamén navegar!. Porque Sole navega, ábrese á mañá, ama e vive con intensidade, xa dende ese primeiro poema no que interroga ao carpinteiro de ribeira que constrúe a embarcación e que lle dá a táboa e os cravos da memoria.

A lectura dos versos de Soledad Pite axúdanos a reconstruír a esperanza. Nun dos últimos poemas de Na véspera do silencio, ela explica por que escribe, e nese explicarse eu atopo as razóns para lela e dialogar cos seus versos, para deixarme agarimar polas súas palabras, para mergullarme nese mar que arrola o canto quedo dos paxaros. Por iso, aínda sendo do libro anterior, anímome a rematar cunha estrofa que lle pertence, sendo, en calquera caso palabra de Soledad Pite Sanjurjo e, quizais, a íntima conexión daquel libro con este Mar de fondo:

Para os días non escritos que nos resten,
e para non caer, de novo,
na máis terrible teoría do insensato,
e preciso atesourar, corazón,
eses brevísimos intres
en que estremeces porque son
anaquiños certos de eternidade.

Advertisement