O día 26 de xullo de 1938, Castelao e Virxinia, a súa dona, chegan a Nova York, a bordo do buque Ille de France no que embarcaran en Le Havre. Nese ano e no seguinte, a vida vainos levar de Nova York a Cuba, con regreso á cidade dos rañaceos. Tamén viaxan polos Estados Unidos procurando apoio para a República. Entre Cuba e Nova York Castelao vai pintar a súa serie de debuxos de negros, o que lle valerá ser nomeado Presidente Honorario da Federación Mundial de Sociedades de Negros, cousa que a min sempre me chamou a atención. Este é o debuxo máis coñecido dos realizados en Nova York.
A min paréceme advertir un aire lorquiano nesta imaxe, como o advirto na serie cubana:
Odian la sombra del pájaro
sobre el pleamar de la blanca mejilla
y el conflicto de luz y viento
en el salón de la nieve fría.
Di Lorca no poema Norma y paraíso de los negros, no capítulo Los Negros, do libro Poeta en Nueva York.
Con Lorca dialoga tamén Adonis, no seu libro Epitafio para Nueva York, escrito en 1971 polo autor sirio, novidade editorial recente, xa que hai pouco Nórdicalibros ofreceu aos lectores unha nova versión en castelán, en tradución e con limiar de Federico Arbós.
Tanto Adonis como Lorca ofrecen unha visión complexa desa cidade que ao tempo fascina e altera, atrapa e distancia. Admírame, tamén, a capacidade profética de Adonis, que 30 anos antes do 2001 escribía:
¡Desmoronaos, estatuas de la libertad! ¡Ay, alfileres clavados en el
pecho con una ciencia que imita la sabiduría de las rosas! El viento
sopla otra vez desde el Oriente y arranca la lona de las tinieblas
y los rascacielos.
Y hay dos alas que escriben:
Un nuevo alfabeto se alza en los montes de Occidente.
Y el sol nace de un árbol del huerto de Jersualén.
Veño con dez poemas iniciados no meu caderno. Dez poemas sobre a cidade, ambivalentes, críticos e fascinados. Fáltalles moito para ser algo que se poida compartir aquí, pero si é certo que neles procuro dialogar con Castelao, Adonis, Lorca e, tamén con Pepe Hierro, que escribira aquel fantástico Cuaderno de Nueva York. Todos foron visitas que busquei nos días anteriores á viaxe. O meu amigo Manuel Álvarez Torneiro, xurado este ano do premio Nacional de poesía, por ser o gañador da pasada edición, faloume das virtudes do libro Nueva York antes de muerto, de Antonio Hernández, gañador deste ano. Como non o atopei, fixen o pedido en libraría antes de nos ir, pero non chegou a tempo e aínda segue sen chegar, que falei hoxe mesmo coa libraría, pero quixera que tamén ese fose texto que se incorporase ao diálogo que pretendo. En calquera caso, deixo aquí estes versos de Pepe Hierro:
La geometría de New York se arruga,
se reblandece como una medusa,
se curva, oscila, asciende, lo mismo que un tornado
vertiginosa y salomónica.
Visitamos dúas das librarías máis singulares da cidade, a Strand, sobre Broadway e a Barnes & Nobel, en Unión Sqare. Nelas merquei dous libros de dúas poetas descoñecidas para min e que procurarei ir descubrindo no meu rudimentario inglés: Sailing the Edge, de Anne Mackay e The moon is always female de Marge Piercy. Anne naceu en Nova York, Marge en Detroit.
Arredor de todo este universo poético, os participantes no The Americas poetry festival of New York 2014, fomos tecendo fíos invisibles, afinidades e complicidades, redes de convivencia, ao tempo que debullabamos os nosos propios versos.
A cotío, a poesía dialoga coa música. En realidade, a poesía case sempre é música, base rítmica con significado, que escribiu Gamoneda. Non sei se haberá unha peza musical que represente máis a Nova York, pero aquí deixo esta versión de Bernstein da composición Rhapsody in Blue de George Gershwin, que ten o seu lugar no libro de Pepe Hierro.
(Hoxe todas as imaxes, agás o debuxo de Castelao e o vídeo, son de Maribel.