PREMIO DE POESÍA PARA SINDO

Os que sigan habitualmente este blog, saben que Sindo é un amigo de adolescencia, a persoa pola que eu me iniciei nisto de escribir, algo así como o meu Ramón Sijé, alguén querido a quen debo tanto. Contei xa, tamén, que escribiamos os dous nos anos da primeira xuventude, que fundamos o grupo poético Renovación e que xuntos aprendemos a transitar por camiños novos e vellos. Pero logo eu seguín e el non.

Sempre dixo de si que sería escritor serodio e quizais aquela intuición ou profecía é certa, porque agora, amais dos poemas xa publicados aquí, vén de gañar o premio de poesía da biblioteca Miguel González Garcés da Coruña, que eu non sei cal é a razón pola que non bautizan o premio co nome do poeta que dá nome á biblioteca, xa que o nome é Premio de poesía na biblioteca pública da Coruña, o que non deixa de ser equívoco, xa que se hai en Galicia unha cidade con bibliotecas públicas, esta debe ser a principal, pero que ten nome e nome de poeta, velaí a súa identidade.

Pero era de Sindo de quen quería falar. Escribiu estas composicións xaponesas, denominadas Tankas. Trátase dun tipo de estrofa anterior ao haiku, formadas por unha estrutura de 5 versos, cunha medida de 5-7-5-7-7 sílabas. Eu alégrome moito deste premio. Dicíalle onte que levo máis de 30 anos agardando por el e agora, coa continuidade que vai tendo o seu dar a coñecer os versos, síntome acompañado e hai algo dentro de min que acouga e recupera unha parte da inocencia durmida.

Para ilustrar o seu texto temos este gravado, tamén del, titulado Sideral, cheo de forza expresiva e de cor.

I Certame de Poesía na Biblioteca Pública da Coruña – Categoría: Poesía en galego

Primeiro Premio

Título: <<5 TANKAS Á LÚA>>

Autor: SINDO (Gumersindo Álvarez Reza)

 

Lúa alba de vidros,

xogas co soño e as rochas,

pel de meniña …

albiscando, lúa nova,

o irto colo do mar …

*****

Lúa mañá de chorima,

medras co encoro e as pontes,

filla do estío …

albiscando, lúa de ámbar,

o morno aroma do río …

*****

Lúa chea de outono,

rodas co alacrán e as cobras,

noiva do acivro …

albiscando, lúa de ferro,

o murcho celme do frío …

*****

Lúa tarde de inverno,

minguas co lobo e as neves,

nai de obsidiana …

albiscando, lúa tola,

o nidio ollo do cume.

*****

Lúa vella de noite,

morres co alén e as chuvias,

meiga do ouro …

albiscando, lúa negra,

o turbio eco do corvo.