NOVA YORK: AS VOCES E OS ECOS

Quixera dedicar esta última entrada da serie Nova York, ás persoas coas que convivimos durante os días que durou o The Americas Poetry Festival of New York 2014. Debo dicir que me alegro da decisión que tomei en agosto, de ir este ano, aínda que Carlos Aguasaco propoñía a vindeira edición.

Carlos Aguasaco xa tivo algunha entrada anterior nesta bitácora. Amigo, irmán dime el, dende os encontros de Zamora de Michoacán que organiza Roberto Resendiz Carmona, tamén é o meu editor americano. Son xa dúas as experiencias vividas con el nese ámbito, primeiro a publicación da plaquette Golpear de sombras, no ano 2012, no selo editorial Barco Ebrio e agora Memoria de abril, en Artepoética.press, novidade recente, antoloxía poética segundo selección, tradución e estudo preliminar de Teresa Seara. Este primeiro recoñecemento é para el, pola súa entrega, pola capacidade de organización e de convocatoria, pola súa xenerosidade para comigo e para con todos. Rematado hai menos dunha semana o primeiro festival, xa pensa no segundo e reflexionando sobre iso, xa temos cruzado varios correos esta semana.

Carlos Aguasaco©ml7106

Dende Zamora coñezo, tamén, a Yrense Santos, a poeta dominicana que sempre me acolle no seu sorriso e nos seus abrazos. Comparto con ela a editorial de Carlos e moitas outras cousas, máis alá da amizade, porque descubrimos que, ás veces, escribimos poemas que, no fondo e na forma, responden ao mesmo pulo, recollen a mesma emoción e, o máis curioso, expresándonos do mesmo xeito e coas mesmas imaxes. Ela organizou con Carlos este primeiro encontro de poetas das Américas en Nova York, cidade na que viven.

Yrene

 “Seguro que non te lembras de min”, díxome Juana M. Ramos cando nos vimos. E claro que a lembraba. Non é doado esquecer o seu rostro, o seu sorriso. Tamén ela é afecto que naceu nas horas cálidas de Zamora. Juana é salvadoreña, pero tamén vive en Nova York, onde exerce a docencia, dando clase de español e de literatura no York College CUNY, da universidade pública da cidade. O seu libro Multiplicada en mí, tamén está publicado por Artepoética.press. Comparto pois con ela e con Yrene e con Juana a relación de amizade e editorial con Carlos.

Juana M. Ramos

Na foto de abaixo estamos algúns dos que fomos á casa de Walt Whitman. Se non me trabuco: Carlos Aguasaco; Pedro Antonio Estrada, meu compañeiro de furgoneta na viaxe de ida; eu; Carolina Zamudio, que ten un libro inédito sobre a escuridade ou sobre a sombra; Winston Morales; Susana Ada Villalba; Carlos Velasques, sempre comprometido co outro Carlos, o Aguasaco; Margarita Drago; Diana Araujo; Félix García, da revista Trazos; Christian Cuartas, o máis novo do festival; Rosana Acquaroni. Por detrás, o escritor e editor Augusto Rodríguez e diante: Sergio Andruccioli, Yrene e María Farazdel.

Con WW

Na foto faltan moitos: a coruñesa residente en Nova York, Marta López-Luaces, quen durante o festival recibiu a nova da concesión do premio International Latino Book Award for Best Fantasy Nobel 2014, para a súa novela Los traductores del viento e que recitou uns poemas nos que integra marabillosamente o galego e o inglés no texto en castelán; o irlandés Seamus Scanlon; Ralph Nazareth, con quen quixen falar de filosofía en inglés; Mercedes Roffé; Daniel Shapiro, Joanna C. Valente; Luis Alberto Ambroggio; Marianela Medrano, que me fascinou coa súa voz e cos seus versos; Ely Rosa Zamora; Carlos Manuel Rivera; David Groff; Pedro Arturo Estrada; Danniel Schoonebeek; Leonardo Nin, Alex Lima; Juliet P. Howard; María Socorro Soto Alanís; Miguel Falquez-Certain; Mariela Dreyfus; Isabel Espinal; Keisha-Gaye Anderson; José Miguel de la Rosa, tamén afecto que vén de Zamora; Eduardo Lantigua; Jacqueline Herranz Brooks; Jimmy Valdez Osaku; Myrna Nieves; Keiselim A. Montás; Karina Rieke; Kianny N. Antigua, quen de antiua non ten nada e que o primeiro día veu coa súa filla, que ben podería ser símbolo ou afillada do festival; Osiris Mosquea; Rolando Pérez; Yvelisse Fanith; Miguel Ángel Zapata; Alexis Romay, Ana Isabel Saillant; Rubén Medina e os seus poemas poderosos que falan da convulsión que vive México, o seu país; Tonia León; Claribel Díaz; Tomás Modesto Galán; Guido Ernesto Cabrerizo; Ricardo Alberto Maldonado; Camille Rankine; Juan Antonio González Fuentes, quen recitou connosco no Cervantes; Gregory Crosby e Juana, claro, pero dela xa falei. Con uns tiven máis relación que con outros, pero con todos estiven ben.

Maribel gravou en vídeo o meu recital na casa de Walt Whitman e subiu este fragmento a YouTube. Creo que me atrevín a cantar porque estaba moi feliz de estar alí. A música dese poema é do meu amigo ourensán José Luis Fernández Carnicero.

Na entrada de onte dicía que, se cadra, poucas músicas podían definir ou interpretar o que é a cidade de Nova York como Rhapsody in Blue, de George Gershwin. Non sei se esta afirmación é certa. O que si é verdade é que hai unha canción que é referencia simbólica da cidade: New York, New York de Frank Sinatra. A última noite, logo do recital no Cervantes, un grupo pequeno fomos cear no local que hai xusto diante, na outra beirarrúa. Cando procediamos co viño e coas cervexas, unha parella, ela ao piano, el coa voz e coa trompeta, empezaron a súa actuación. A cousa foi devalando entre boleros e tangos, ata que nun momento cantaron a canción. New York, New York soaba ben alí, interpretada por eles e recoñezo que escoitala pola noite, na súa cidade, ten algo especial. Aquí deixo esta outra versión, con mala calidade de imaxe, pero que me gusta moito, Sinatra e Liza Minelli, nun xogo de complicidades.

Todas as fotos e o vídeo no que actúo, son obra de Maribel Longueira.