TREBLINKA

Soubemos onte que un equipo de arqueólogos británicos escavou Treblinka. Dirixido por Caroline Sturdy Colls, os investigadores atoparon elementos singulares, como as estrelas de David debuxadas nas lousas coas que se lles facía crer ás vítimas que estaban nun baño ritual xudeu e, tamén, os alicerces do que foron as cámaras de gas, dúas, unha con capacidade para 600 persoas e outra para 5000, aínda que testemuñas hai, ou houbo, que falaban de doce cámaras. Puideron, tamén, debuxar un plano completo do campo que funcionou entre os anos 1942 e 1943 e que os nazis tentaron ocultar, transformándoo en granxa antes da chegada das tropas soviéticas. Os cálculos de Vasili Grossman, feitos cando chegou ao campo co exército soviético e falou coas testemuñas civís da aldea e do ferrocarril, situaban en máis dun millón o número de mortos. Hoxe considérase como cifra máis axustada a de 900.000, todos xudeus e ciganos, a un ritmo aproximado de 3000 diarios.

Treblinka non foi un campo de concentración, senón de exterminio, unha factoría pensada para a morte, o que lle dá un valor moral diferente a calquera outro dos lugares relacionados co holocausto. Cando fixemos a viaxe en autocaravana, seguindo o percorrido da División Azul, estivemos alí. O lugar sobrecolle, quizais porque sabes o que vas ver, aínda que nada lembra o que foi. Nese sentido deixo abaixo o artigo que escribimos aquel día e que publicamos no blog “De Galicia a Novgorod”.

Podo entender o interese de quen elabora as teses negacionistas, pero non a quen as cre e lles dá pábulo. Lin o libro da xornalista Gitta Sereny Dende aquela escuridade, no que narra a serie de entrevistas que mantivo co director de Treblinka, Franz Stangl. A primeira tivo lugar o 2 de abril de 1971, é dicir que onte cumpríronse os 43 anos daquel feito. A última foi o 27 de xuño e rematou dezanove horas antes de que Stangl morrera na súa cela, vítima dun ataque ao corazón. A vida de Sereny, dende o final da II Guerra Mundial, estivo dedicada a tentar desentrañar a fría escuridade que levou a tantos militantes do partido nazi, tamén a nenos, a perpetrar o holocausto e actuar coa morte de seres humanos con eficacia industrial. Gitta Sereny mantivo unha dura disputa con David Irving, figura principal do negacionismo, con preitos e xuízos que deron con Irving na cadea.

Gitta Sereny. Foto Cámara Press

Gitta Sereny. Foto Cámara Press

Entrevistou a canto líder nazi puido, mantendo con eles longas conversas nas que xogaba ao límite da súa propia integridade psíquica e intelectual. Dise que Franz Stangl non foi quen de resistir os argumentos de Gitta e o xeito de entrevistalo e que iso foi o que lle causou a morte horas despois de que ela abandonase a cela dos encontros, aquel 27 de xuño. Pero Gitta non só entrevistou, tamén investigou e no libro Dende aquela escuridade desvela a trama da igrexa católica para salvar aos líderes nazis, entre eles ao propio Franz, quen nunha das entrevistas desvela como saíu de Alemaña e de Europa, amparándose nesa rede internacional alimentada dende Roma. Gitta Sereny faleceu o 14 de xuño de 2012, con 83 anos.

A metodoloxía e a tecnoloxía empregadas polo equipo de arqueólogos británicos, é semellante ao empregado aquí polo equipos de forenses e arqueólogos, para investigar as fosas da Guerra Civil.

—————-DE GALICIA A NOVGOROD (LA VOZ DE GALICIA) 14/04/2011—————

Fomos a Treblinka. Ningún letreiro na estrada ata chegar a 1,5 quilómetros. O primeiro que atopamos é o do pobo, do campo só ese que fotografou Maribel. É como se ninguén quixese lembrar ese lugar do espanto. A impresión que causa sobrecolle, pero non manca. Eu temía unha representación realista, con barracón, maletas, a cámara de gas, o forno, pero non. Espazos enormes cubertos de herba, bosque e milleiros de paxaros que cantan na mañá e que afirman a dimensión do silencio. A enorme instalación artística vai dando conta dos lugares máis singulares do campo. Todo é lembranza, todo é respecto, todo feito con amor e con sensibilidade extrema. O máis impresionante, amais dos amilladoiros, é a fosa. Cando eu lía cousas deste campo, Grossman, por exemplo, imaxinaba fosas dun tamaño razoable, pero o que vimos supera todo o imaxinable. Cincocentos metros de longo por cento cincuenta de ancho e quince ou vinte de fondo, calculo eu. O memorial, coa torre de pedra no centro e milleiros de menhires arredor, moitos con flores e candeas, representan a chegada das vítimas no tren. O pequeno museo informa do momento histórico que deu lugar a esta sen razón e ofrece unha maqueta que explica as instalacións. Non hai nada que mercar, non se comercia coa memoria.

Regresamos ás estradas polacas. Hoxe fixemos poucos quilómetros, pero foi moita a fatiga. En facer 100 quilómetros logo de Varsovia, tardamos máis de dúas horas. O dos camións segue impresionando, por veces, cando estamos parados, conto máis de cen seguidos en dirección contraria. Supoño que a nosa fileira será semellante.

A neve deixou paso ás inundacións. Ríos que saen da canle e ocupan lameiros, parques infantís, merendeiros de verán, que penetran nos bosques. Campos cultivados que xa non poden beber máis e cegoñas, avefrías e milleiros de parrulos.

Mañá quixeramos deixar Polonia e entrar en Alemaña. Estamos a 300 quilómetros da fronteira, pero visto o visto…

DE GALICIA A NOVGOROD

Hai tres anos, tal día coma hoxe, iniciabamos a aventura que nos había levar dende A Coruña ata Novgorod, seguindo coa maior precisión posible o percorrido realizado pola primeira quenda da División Azul, entre os meses de xullo e outubro de 1941. Once mil cincocentos quilómetros entre ida e volta. Aquela viaxe foi consecuencia do proceso de elaboración da novela A noite branca, e tivo un efecto fundamental sobre o resultado final.

Coincidimos, Maribel e eu, na nostalxia que sentimos cando pensamos naqueles días e, tamén, en que a dimensión da viaxe medra co paso do tempo. Cando chegamos, traiamos varios milleiros de fotografías, pero ao pouco tempo, un disco duro externo caeu ao chan, avariándose. Nel estaban as imaxes dos lugares da fronte, de Novgorod, de Treblinka. Iso fíxonos desistir da idea de producir unha exposición e percorrer o país acompañando as imaxes coa palabra, contando como fora a experiencia. Enviamos o disco a varios lugares fóra de Galicia e consultamos tamén con talleres de recuperación de información fóra de España, pero ninguén conseguiu nada e nós demos as imaxes por perdidas. Pero estes días, quizais como agasallo polo aniversario, do fondo do ordenador grande de Maribel, empezaron a xurdir imaxes, copia das perdidas. Entre as recuperadas están algunhas moi importantes.

Quero celebrar convosco este encontro e o aniversario, importante para nós, con algunhas desas fotos. Podedes ver a que indica a entrada en Maloyé Zamoshye, lugar dunha das batallas nas que participou Alfredo. Tamén a Pavel Tenderá, o noso guía polos camiños e pistas do bosque, cortando leña, momento no que aparece Galina nas nosas vidas. Como no interior da súa casa nos conta a súa lembranza da batalla, memoria de nena de 11 anos. Como nos agasalla con té, mortadela, galletas, caramelos, sopa, con calor e con cariño.

Tamén podedes ver as cúpulas do templo do interior do Kremlin de Novgorod. Sobre a cuberta de pan de ouro está a cruz da lenda. Contan que Iván IV Vasilievich, (Iván o Terrible), diante do templo, asegurou que mentres a cruz estivese sobre a cúpula, Rusia nunca sería conquistada. Esa cruz foi traída a España polos divisionarios, xa que caeu durante un bombardeo. Vese que o Tsar non tiña razón, porque Rusia liberouse, precisamente, cando a cruz cedeu. O goberno español devolveuna case sesenta anos despois.

A outra é o cartel que anuncia o campo de Treblinka. Faltan por se manifestar todas as imaxes do que foi campo de exterminio.