NIMBOS: CÁLIZ FERVENDO!

O martes presentouse, no salón nobre da Real Academia Galega, o número XXIX dos Cadernos que publica o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación e as Humanidades, dedicado á figura de Xosé María Díaz Castro, a quen este ano se rendeu homenaxe na nosa festa das letras. O caderno, en realidade un libro, con máis de trescentas páxinas, leva por título: Nimbos: cáliz fervendo!

Foron responsables e coordinadores da edición Luís Cochón e Luís Alonso Girgado. Con eles, vintecatro colaboradores analizan a vida e a obra de Díaz Castro dende múltiples perspectivas, enriquecendo así a visión que tiñamos ata agora do autor e a interpretación dos seus poemas.

Por indisposición do Presidente da Academia, en nome da Academia abriu e pechou o acto un ex-presidente, o historiador Xosé Ramón Barreiro. Compartiron mesa con el: Luis Cochón, Marica Campo, Pilar García Negro e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Luís Cochón, Marica Campo e Pilar García Negro, analizaron con brevidade e precisión diversos aspectos de Nimbos, o libro principal de Díaz Castro no que o autor teimou por facer visible o invisible, en palabras de Cochón.

Precisamente foi Luís quen me convidou a escribir un traballo para a revista. Sucedeu un día de xaneiro, cando falando con el por teléfono, preguntoume: Atréveste co último poema, o da espada? Quixen eu evitar o compromiso, pero non houbo xeito, que Luís teimou ata conseguilo. Pregunteille eu entón se chegarían tres folios? El pediu sete. Finalmente, penso que foron seis. Por se alguén está interesado, aquí quedan o texto e o poema, neste final de maio.

NIMBOS: A ESPADA E A BELEZA

Coma unha espada é o título do último poema do libro NIMBOS de Xosé María Díaz Castro, libro singular, non só pola súa calidade poética -especialmente pola súa calidade-, senón tamén por ser o único coñecido do seu autor. Estamos, pois, diante dunha desas curiosidades ou paradoxos, nos que non sabemos se é o escritor quen fai o libro ou se o libro fai ao escritor.

Nimbos, na edición do ano 2006, publicada conxuntamente pola editorial Galaxia e a Xunta de Galicia, consta de 32 poemas, ordenados en sete epígrafes, tituladas: Pórtico, Noite, Lus, Espranza, Milagre, Soño e Ferida.

Son varios os poemas nos que, como sucede neste “Coma unha espada”, Díaz Castro emprega a conxunción comparativa xa dende o título: “Coma ventos fuxidos” e “Coma brasas”, pertencen a Pórtico; “Coma un anxo airado” é o penúltimo poema de Noite; “Coma un río” e o segundo dos tres que forman Soño; “Coma unha escada”, “Coma unha insua” e “Coma unha espada”, pertencen ao último apartado, Ferida. En todos eles o autor propón a identificación entre o elemento designado no título e tamén recollido no poema, e un aspecto esencial, normalmente íntimo, da natureza, vida ou do pensamento do poeta.

Os fragmentos do ser pérdense coma fuxidío vento de amor, salvados por un anxo, no primeiro caso. No segundo as palabras que representan as perdas arden como brasas e manteñen a calor das cousas amadas, sexan estas obxectos, seres queridos, tempo vivido, Galiza como pan e como leite coa súa dobre condición de rúa da mar e fogar da terra, ou relixiosidade a través da cruz.  O anxo airado do terceiro convida a loitar contra a confusión das sombras na sombra, confirmada a calidade efémera da gloria.

No cuarto a evocación do río, malia ese ir cara o mar do segundo verso, semella invocar máis un sentido filosófico que poético, máis heraclitiano que manriqueño, non só a vida transcorre coma o río, senón que o poeta sabe que non regresa. A corrente onde non nos bañaremos máis inclúe a música do mundo, os recendos da lembranza, as voces e luces coma o aire que non pousa en nada, agás, se cadra, na raíz do sangue. En Nimbos os ríos suxiren unha idea poética ou filósofica segundo o poema. Son imaxe poética do vivir, o ancho río da vida nova do poema “No novo ceio” ou o da segunda estrofa de “Coma unha espada”, do que falamos máis adiante.

A escada do quinto sería a escada de Xacob ou da luz, unha das varias referencias biblícas do libro. Por esa escada sobe e baixa o amigo perdido, nun tránsito entre este mundo e o de máis alá. A escada é a canle que separa esta vida da outra, o lugar ignoto da claridade e a sombra que habitamos. Unha oración turra desa escada, porta de acceso ao ceo e a Deus; visión que sobrecolle, como lle acontece a Xacob no seu soño.

No sexto, a nai, a patria, a Galicia do paso adiante e atrás do poema Penélope, identifícanse con esa insua que o poeta añora, fatigado de viaxar, necesitado de ancorar e de procurar acougo.

Porén, probablemente é o último, “Coma unha espada”, o máis complexo, porque o poema incorpora moitos dos elementos simbólicos recorrentes ao longo do libro: río, música, lapas, pombas, teadaraña, estrela, adeus, folerpas ou falopas, ferida e, sobre todo, a espada e a beleza.

O título do poema é “Coma unha espada”, mais podería ser Beleza, pois ela é quen de ferir como espada, sendo, ademais, causa e razón dese verso que se repite como ladaíña ou mantra, ao final de cada unha das estrofas: “A beleza fireume para sempre”, que como lenda ou epitafio figura gravado na tumba de Díaz Castro.  Beleza que é necesidade para o poeta, que sente sede dela, como a sente de xustiza, de pureza, de lus, tal e como nos di no último poema “O verme i a estrela”, da segunda epígrafe.

Son catro as estrofas, de catro versos cada unha, que forman o poema “Coma unha espada”. Os versos, hendecasílabos todos eles acentuados na décima sílaba, son bo exemplo do coñecemento dos modelos clásicos de construción do poema e da capacidade rítmica de Díaz Castro. 

O río do primeiro verso ten a mesma condición que apuntabamos ao falar do poema “Coma un río”, no sentido de que os ríos de Nimbos, agás as excepcións xa mencionadas, son a imaxe ou a representación do tempo ou do destino. Todos os ríos, todos os anceios, di, pasan pola alma do poeta, todos cheos de Deus, e música e lapas, acaso entendida a música como representación do xuízo final e da gloria, e as lapas como a luz do paraíso, xa que Deus e a súa gloria son elementos que orientan e dan pulo ás vivencias do home, no sentir de Díaz Castro, alimentado pola fe de que as almas -as pombas do terceiro verso- constitúen a referencia principal do seu amor.

O mundo amósase, no primeiro verso da segunda estrofa como unha escura teadaraña, que representa o enredo, a tentación, o mal, pero é a estrela que cae sobre o río, aquí, como xa dixemos, identificado polo autor como imaxe da vida, quen libera ao ser desa trampa, e chama por el coma un eco continuo, actuando ela mesma como guía, o que lembra a invocación da tradición portuguesa, referida ás estrelas fugaces: Deus te guie ben guiada, que no céu foste criada. Chamada que se repite e que o poeta escoita ás veces, coma un eco de adeus que non entende, unha chamada que lembra a condición efémera do ser e anticipa a morte como paso inevitable e necesario, chamada que fire como espada ardendo, como fire a beleza, xa que esa chamada, finalmente, sendo morte, é o necesario tránsito, a fronteira a traspasar e que separa o vivir corporal do vivir eterno. Nesa espada ardendo atopamos outra das referencias bíblicas do libro, pois así é a espada do anxo que garda a porta do paraíso.

Os anos pasan, caen como folerpas ou falopas de neve, caen sobre a sede de inmortalidade, sobre os ollos tristes, pero non chegan a enterrar a ferida que produciron a chamada, a espada e a beleza, porque esa ferida é ao tempo a morte e a vida que o ser do poeta agarda e que non chega. Tanto aquí, como no resto do libro, atopamos claras referencias á poesía mística española.

A ferida, a espada ardente e a beleza son os elementos esenciais do poema. A espada, tanto por lle dar título, como por figurar no terceiro verso da terceira estrofa con ese valor referido á xénese, ao paraíso. A ferida por ser invocada e repetida tantas veces, causada pola beleza, pola espada ou pola chamada.

En todo o libro alenta o sentido da dobre condición do home, por unha banda a evidencia de habitar o territorio das sombras, a certeza da condición efémera do corpo e da vida na terra, a nostalxia dun pasado que non volve, pero que arde en nós, a alegría de amencer e de sentírmonos un co mundo e, por outro, a certeza doutra existencia que agarda, sendo a morte o erro que interrompe a conxunción unitaria das dúas vidas, a necesaria peaxe entre unha e outra. E é que de non ser pola morte, a vida humana e a gloria serían unha e o crente non tería que agardar para vivir permanentemente na beleza. Ambas as vidas producen ferida, cada unha a súa, cada unha por distinta razón. A humana porque é limitada e desemboca na morte e na separación do que queremos. A da alma, que é obxecto da fe, porque non chega. Ferida producida polo adeus, pola beleza que perdemos e pola que intuímos, pola esperanza dun existir pleno en comuñón coa luz, que asusta, pero chama, porque xa dicía Novalis que a vida é unha enfermidade do espirito.

Díaz Castro sente a ferida do ser mortal porque intúe e comprende. A beleza feriuno para sempre a través da fe e do coñecemento. Coñecer ten, tamén, un dobre valor, o do gozo e disfrute das cousas marabillosas e seres entrañables cos que convivimos e, ao tempo, a certeza de que elas e eles, coma nós, son fuxidíos, condenados a desaparecer. Pero dende a súa formación relixiosa, o poeta confía en que a consciencia da beleza que agarda fai máis radiante todo canto existe. O coñecemento e a fe non só iluminan as cousas coa beleza, senón sitúan a esta nas propias cousas, tal e como dicía Nieztsche e, ao cabo, xa apuntou María Zambrano que a vitoria só pode darse alí onde sufrimos a derrota.

A espada do poema non é a do relato “Ulrica”, de Borges. Aquí non se sitúa entre Sigurd e Brynhild, impedindo o contacto do héroe co obxecto do seu desexo, senón que penetra e fere, permitindo contemplar e posuír, por primeira vez e quizais por última, a imaxe de Ulrica, a súa fermosura. Esa contemplación e posesión teñen un prezo, a evidencia do tempo que esvaece como area e, tamén, producen dor, xa que coñecida a luz, sufrimos por non poder gozala a cada instante.  Espada e beleza coma morte e verdade, como imposible degoro para o ser finito, como límite do que nesta realidade mortal podemos agardar.

Unha última consideración, referida tanto ao libro como a este poema. Xosé María Díaz Castro, formado no seminario, non oculta a súa relixiosidade e a súa fe. Porén, a súa capacidade expresiva, a fondura con que reflexiona sobre a condición humana, a proximidade de cada un dos poemas a esa beleza da que el fala, permite a calquera lector, crente ou non, achegarse e dialogar cos versos, gozando da súa luminosidade e sensibilidade, compartindo eses nimbos, que son, tal e como el di, coma cinzas de rosas. 

COMA UNHA ESPADA

TÓDOLOS ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza fireume para sempre.
Ó traveso da escura teadaraña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédome chamando.
A beleza fireume para sempre.
En cada vez eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire coma espada ardendo.
A beleza fireume para sempre.
I as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
pro no enterran a boca da ferida!
A beleza fireume para sempre.