CORCOESTO: INTRANSIXENCIA E DESTRUCIÓN

DESTRUCIÓN DO MILLADOIRO DE CORCOESTO – (Cabana de Bergantiños-A Coruña)

Días pasados publicaba aquí unha entrada sobre a xornada vivida en Santa Mariña de Corcoesto, en relación coas iniciativas emprendidas para tentar frear o proxecto de explotación dunha mina de ouro a ceo aberto. Hoxe vai esta nota, remitida polos amigos de Arteu, relativa á destrución e desaparición do amilladoiro que aquel día construimos-

“O pasado día 1 de xuño, como celebración do día mundial do medio ambiente convocouse en Santa Mariña de Corcoesto o “III Enarborar o Bosque”, unha romaría artística reivindicativa, na que, como en convocatorias anteriores, artistas plásticos, músicos e escritores amosaron o seu compromiso co medio ambiente. Este ano, a convocatoria centrouse na loita contra a minería a ceo aberto en Galicia, escolléndose como máximo expoñente desta ameaza o proxecto de explotación de ouro, que se pretende levar adiante na parroquia Corcoesto.

Foi unha xornada agradable onde se conviviu a actividade creadora dos artistas, obradoiros, actuacións musicais en directo, recitais de poesía e a presentación do libro Versus Cianuro, actividades nas que participou o público asistente.

Creouse, tamén, unha instalación artística colectiva contra o arsénico, o cianuro e a destrución da natureza, denominada “Milladoiro de Corcoesto”, unha proposta de Xacobe Meléndrez Fassbender, na que participaron máis dun cento de persoas que escribiron desexos, versos e diversos textos ou interviron artisticamente sobre seixos e pedras, que foron depositando nun milladoiro situado nun dos camiños de acceso á boca da antiga mina, hoxe clausurada. Entre os preto de 300 croios alí depositados, habíaos de procedencia portuguesa, mexicana ou senegalesa. Algúns eran verdadeiras esculturas cedidas por artistas de recoñecido prestixio (Artemio Lamas, Sebas Rozas, Carlos Botana, Mercedes Molares, Teiga…) e outras que contiñan texto escritos de puño e letra polos escritores alí presentes (Helena Villar Janeiro, Francisco Fernández Naval, Tati Mancebo, Iolanda Aldreu, Xesús Rábade Paredes ou Ramiro Torres)

Os milladoiros, outeiros de croios acumulados como testemuña de paso ou de ofrenda en determinados lugares, son práctica antiga, quizais de orixe celtíbera, comunidade que ía deixando seixos nas encrucilladas e outros lugares de simboloxía especial.

Practicouse e practícase ainda en multitude de culturas de todo o mundo, dende a tribo Churingaque en Australia ate os Masais africanos, pasando polos pobos do norte peninsular, tendo un valor especial no Camiño Xacobeo e no que accede a Santo André de Teixido.

A pedra, símbolo de forza, virilidade, fecundade, persistencia, demarcación, tiña o valor de esconxurar os malos espíritos. Con ese fin foi empregada no milladoiro de Corcoesto, para afastar a ameaza do arsénico e do cianuro que, con este modelo de explotación mineira, pasará ao interior da terra, contaminará as súas veas de auga, as mesmas que nutren as nosas producións agrícolas e gandeiras e que rematará afectando ao río Anllóns e a súa ría, como sucede na actualidade nos terreos próximos as balsas que acumulan as toneladas de fuel do Prestige.

I GNORANCIA · E · V A N D A L I S M O

Estes días, a obra de arte construída entre todos en Santa Mariña, desapareceu. Intransixencia, ameaza, agresión, contra unha manifestación lúdica, creativa e pacífica, que non pretendía outra cousa que expresar, nun estado democrático, o sentir dunha gran parte da poboación diante das consecuencias previsibles deste tipo de explotación mineira.

Malia isto, a instalación vivirá na memoria, xa que será exposta, para o outono, no novo edificio do Forum de Carballo e na primavera na galería “El taller” de Santiago de Compostela, e a exposición irá acompañada dun vídeo documental que recolle os diferentes momentos da montaxe, así como un álbum fotográfico que amosará cada un dos seixos e as súas lendas.

“Enarborar o Bosque” é unha convocatoria do Colectivo arTeu (Inma Doval e Xacobe Meléndrez) e a Factoría Delideas (Delio Sánchez).

Vai a fotografía do estado do milladoiro momentos antes de ser cuberto pola última capa de pedras, imaxe de Helena Villar Janeiro.”

 

A MINA DE CORCOESTO E OUTRAS FERIDAS

O sábado 1 de xuño, convocados por ARTEU, Factoría Delideas, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e a Federación Ecoloxista Galega, fomos a Santa Mariña, en Corcoesto, o lugar onde está a mina que a multinacional canadense Edgewater, co beneplácito de Xunta e concellos, quere por en explotación. Para chegar alí, cruzamos terras de labor e bosque, maiormente de eucaliptos, pero non só. Había tamén carballeiras, piñeirais e restos das antigas fragas. Santa Mariña é lugar fermoso, con ermida, cruceiro, unha carballeira vizosa e centenaria, regatos e unha perspectiva marabillosa sobre as revoltas do Anllóns, aquí xa próximo á desembocadura ao pé do Monte Branco, entre os concellos e Ponteceso e Cabana de Bergantiños.

O Anllóns en Santa Mariña, imaxe de Riosebas (Sebas Anxo)

O Anllóns en Santa Mariña, imaxe de Sebas Anxo

Acudimos pintores, músicos, escultores, actores, escritores, fotógrafos, veciños, amigos e moita xente disposta a vivir unha xornada lúdica e reivindicativa, en contacto íntimo coa terra. Algo orballou, pero iso non impediu un fluxo constante de ir e vir que permitiu manter o número de participantes sempre estable. No inicio do carreiro que descende ata a boca da mina de ouro, que primeiro foi romana e logo inglesa, orixe deste proxecto que a cobiza alimenta, fomos deixando as nosas pedras para formar un milladoiro de emoción e cor.

Coma sen querer, presentamos, tamén, o libro Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto e digo presentamos, porque alí estabamos moitos dos escritores que nel participamos (setenta e catro, se non contei mal) e que fomos lendo poemas dos que nel figuran.

O domingo, a xente de Corcoesto, de Arteu, da Federación e da Factoría, participou na manifestación de Compostela, xunto coas outras comunidades de todo o país, afectadas por proxectos de explotación violentos e irracionais.

Estou co meu amigo Carlos Arias, quen me di que debemos ir máis alá de lamentarnos, que debemos enfrontar a agresión coa alegría de vivir aquí, neste noso país e debemos facelo con propostas transformadoras, se cadra como esta do sábado, que pretendía, sobre todo, esconxurar ou exorcizar a terra, respirala de novo e sentir o seu alento.

Deixo estes versos de Pondal, do poema Anhelos referidos a estas augas e este espazo e logo vai o poema que eu escribín para o libro.

Auga quigera ser, prácida e fría,
que c’a súa transparencia te brindara;
por que túa doce boca me gustara,
n’apagara túa sede: a encendería.

Non

Non!
Proclamaban os muros de Esquel.
Non é non,
berraban exaltadas pancartas suspendidas do aire
como ás de cóndor ou folerpas de noxo contra a infamia.
Conga non vai, é a salmodia
en Celemín, o berro seco
que se escoita en Cajamarca,
a cor dos corazóns que orgullosos desafían a cobiza.
Vida ou cobiza. Versos contra cianuro
en Corcoesto, na aira do verán
aberta á tarde. Versos contra o silencio,
polo irrenunciable dereito de ser.

II

Esluída no escuro,
proxectada na pelve
parapetada na axila,
eclosionando nos ángulos da boca,
na dobra das palabras,
A cobiza
oculta o rostro,
axexa,
envelena
e espera.

III

Ouro,
íntimo sol da terra,
durmido eco
da primeira luz.

IV

O veleno
alimenta o frío e o esquezo.

V

Dende a liberdade, escribo,
contra o lampo estéril da cobiza.
Polas voces que non berran,
polo ouriolo,
polo errático voo da bolboreta.
Dende este amor.
Escribimos coma vermes da terra,
dende esta paixón.