TRÍO MOLIMO

Se escribo “molimo” no buscador do ordenador, descubro que é un instrumento musical pigmeo, unha sorte de trompeta que pode ser de metal ou de madeira, pero tamén unha cerimonia que dura varios meses, durante a que, cada noite, os homes cantan arredor do lume mentres as mulleres e os nenos dormen e, ao seu canto, responde Molimo, o animal da selva, imitando e reproducindo os sons dos animais e do bosque.

Molimo é o nome que Cova Villegas, Chefa Alonso e Bárbara Meyer decidiron para o trío que forman e para o seu primeiro disco. Improvisación, jazz libre en estado puro, tecido cos fíos da sabedoría e sensibilidade das tres: mulleres, lúas, auga e terra.

TRIO MOLIMO ©ml16Filloa Jazz 9782

O disco presentouse onte no pub Filloa da Coruña. Non é a primeira presentación, están en ruta, levando a súa proposta dunha cidade a outra. Nel Cova achega a súa voz, ben formada e cada vez cunha maior variedade de rexistros. Chefa séntase diante da súa “percusión menuda, menuda percusión” que di sempre que a presenta o poeta Víctor M. Díez, pero tamén toca o kechapi e o saxo tenor. Bárbara Meyer achega á formación o chelo.

Escoitándoas un séntese transportado sobre brillos e sílabas de son que forman palabras misteriosas e, ao tempo, sinxelos e orixinais ecos do primixenio. Cova canta nunha lingua da que semella ser a primeira ou a última falante, lingua do corazón da natureza e da vida. Chefa acada momentos intensísimos de expresión con cada un dos tres instrumentos que interpreta. Bárbara mergúllase no corazón do chelo na procura de sentimentos e emocións.

Producido por Vecto Sounds, este disco é unha singularidade excepcional que recomendo.

SIN RED: MÚSICA, IMPROVISACIÓN, POESÍA

É unha sorte, un agasallo da vida, compartir tempo de verán en Carnota, con amigos entrañables como Isabel, tamén chamada Cova Villegas, con Chefa Alonso, con Ildefonso Rodríguez, con Víctor M. Díez, con María José e Guadalupe.

É sorte, tamén, poder ler os versos de Ildefonso e de Víctor, partillar con eles as palabras que consolan porque non son prestadas, aprender que a memoria é ansiosa, coma a sede, ser libres e voar, arrolados polo son dos soños.

É fortuna ou sorte que Sin Red, a formación composta por Cova, Chefa, Víctor e Ildefonso, teñan Galicia e, en particular, A Coruña, como destino dos seus periplos musicais e poéticos, nos que a improvisación é o centro, expresión de tolerancia e habilidade para tomar decisións, di Chefa Alonso, alegría de compartir, entre eles e, de maneira particular, co público. Trátase, en calquera caso, dun exercicio vital de liberdade.

Sin Red. Fotografía de Manolo Múñoz
Sin Red. Fotografía de Manolo Múñoz

As voces son de Cova, garganta e boca transformadas en instrumento e música e de Víctor, que fai dos versos ecos que nos chaman e que nos conmoven, acompañándose por variados obxectos que producen son. A condución melódica é cousa de Chefa coas percusións, pero non só, que tamén se expresa co saxo soprano e de Ildefonso cos seus saxos, clarinetes, frautas e xoguetes. O conxunto ofrece unha variedade de matices nos que instrumentos e voces disólvense, ofrecéndonos un espectáculo baseado sobre todo na escoita, tamén nos silencios, con evocacións que nos poden levar dende a paisaxe sonora da cidade, ata a profusión de sons dunha noite de verán nun campo verde rodeado de bosque, pasando pola beira do mar cando o crepúsculo ou pola luminosa profusión de rumores en día de mercado. En calquera caso, xente, sons, palabras, nós, vida e, claro, voz e música, porque a palabra oída é musical e xa sabemos que o poema é, sobre todo, ritmo e, tamén, que hai música na charla dos amigos, tal e como lembra Ildefonso no seu libro El jazz en la boca, música na memoria e nos soños.

Así, Sin Red, na rede dos afectos.

E, como apunte final, lembrar que Cova e Ildefonso forman parte, dende hai anos, da formación de jazz Quinteto Cova Villegas, con disco novo no mercado dende hai nada: free space, que ten, como primeiro tema a Conferencia de los pájaros, de Dave Holland, peza mencionada na entrada deste blog dedicada ao cuco.