ROBERT PINSKY

O pasado luns, Daniel tivo a oportunidade de entrevistar a Robert Pinsky para Vivir na Coruña. Pinsky é un dos grandes da poesía actual. Pasou por aquí para participar no encontro mensual do ciclo Poetas Di(N)versos, que coordina Yolanda Castaño. A réplica galega estivo na voz de Luis González Tosar.

Paréceme que a entrevista de Daniel é ben fermosa, sobre todo polo que Pinsky di, por iso quixera compartila.

http://vivirnacoruna.es/eventos-literatura/robert-pinsky-la-dignidad-del-individuo-es-inherente-la-poesia/

O poema que figuraba no programa, traducido por Yolanda, é este titulado Canto Samurai:

Cando non tiven teito fixen
da audacia o meu teito. Cando non tiven
cea os meus ollos comeron.
Cando non tiven ollos escoitei.
Cando non tiven ouvidos entendín.
Cando non tiven entendemento esperei.
Cando non tiven pai fixen
da responsabilidade meu pai. Cando non tiven
nai abracei a orde.
Cando non tiven amigo fixen
do silencio o meu amigo. Cando non tiven
inimigo opúxenme ó meu corpo.
Cando non tiven templo fixen
da miña voz o meu templo. Non teño
sacerdote, a miña voz é o meu coro.
Cando non teño recursos a fortuna
é o meu recurso. Cando non teña
nada, a morte será miña fortuna.
A necesidade é a miña táctica, o desapego,
a estratexia. Cando non tiven
amante fíxenlle as beiras ó sono meu.

Como a poesía tamén é un xeito de dicir, queda aquí esta mostra de como Robert Pinsky entende a arte de recitar. O poema é o mesmo da tradución.

VIVIR NA CORUÑA

Parece, pero non é, ou non é o que parece, que non son os tempos para andar de parranda e durmir de pé. Iso si, para todos aqueles que vivan na Coruña ou na súa contorna, para os que se acheguen por aquí de cando en vez, ou para calquera que teña curiosidade, deixo aquí o enderezo da axenda cultural que están promocionando xa Lucía Pita e Daniel Fernández Longueira, proposta de información cultural que alcance a todas as iniciativas, modalidades, dinamizadores, organizadores e locais, dende o máis institucional ata o bar de barrio.

Se vos apetece, eles agradecerán que entredes de cando en vez, porque a vixencia do proxecto dependerá do número de entradas e estas, claro, da calidade do que ofrezan. Como veredes, e iso pode ser unha boa desculpa para entrar, non só ofrecen información, senón tamén comentarios, entrevistas e información complementaria sobre o que foi ou que será.

Isto é o que debedes copiar na barra superior do buscador: http://vivirnacoruna.es/

gala-mestre-mateo.jpg