CONTRA VENTO E MADEIRA

Enrique e AntónOnte dous queridos amigos inauguraron exposición conxunta, vento, mar e madeira, elementos dos que se nutre a forza expresiva do escultor Enrique Tenreiro e do pintor Antón Sobral. Foi na sala Arte Imagen da Coruña. A exposición viña xa de Compostela e seguirá camiño de Ferrol. Foi unha alegría e unha emoción estar cos dous e con outros amigos comúns. Aí deixo estas imaxes, a primeira tomada por min; a segunda é de Pedro Taboada Martínez, responsable da páxina http://www.pintoresgallegos.com; a terceira de Daniel Fernández Longueira e forma parte da reportaxe-entrevista publicada por Vivir na Coruña, con este enlace: http://vivirnacoruna.es/arte/contra-vento-e-madeira/

OLYMPUS DIGITAL CAMERA(Con Olga Patiño, Antón Sobral, Manuel Peña Romay e Enrique Tenreiro)contra-vento-e-madeira.2   Hai un par de anos, a petición de Enrique, escribín un texto para un catálogo seu e aquí volo deixo, como curiosidade e por admiración: TRINTA MIL ONDAS PARA DAR FORMA AO INFORME

Algo especial hai na música de J.S. Bach, elixida por moitos para mellor facer o labor, para propiciar o fluír das ideas, o agromo da inspiración, a luz da intelixencia. Será que a súa música, exemplo de harmonía, vén sendo o resultado da intuición e do control intelectual, dando por resultado unha síntese que algúns din mística. Luís Monteagudo, o arqueólogo coruñés que dende hai anos reside no convento das monxas de Belvís en Compostela, contaba que cando necesitaba reflexionar poñía un disco de Bach, collía unha buxía e un calcetín aburatado e zurcía nel, deixando que as ideas fluísen coa música. Enrique Tenreiro afirma, tamén, que é Bach quen lle guía a man, cando esta se esforza en procurar as trinta mil mazadas que se precisan para cada escultura.

Pero dáme a min que non é unicamente a música. Creatividade e sensibilidade a parte, está a ollada de Enrique, unha ollada entrañable e fondamente humana, intensa e inocente, capaz de conmover e emocionar e, tamén, de facer dúctil o material máis resistente.

Nesta mostra da súa obra, a madeira e as formas xogan coas cores branca e vermella, sinxeleza e paixón, memoria e textura dos días. Enrique lembra os restos de madeira atopados nas praias cando neno, lembranza de embarcacións desfeitas contra os cons ou arrombadas na area, refugallos tallados polas ondas que labra nelas como el fai coa maza e coa gubia. Invoca a Man, o alemán de Camelle, recoñecendo unha débeda antiga. Man recollía as crebas oceánicas, obxectos que o mar deixaba na liña da marea. Con elas e cos bolos dos coídos, construía o seu mundo de formas, esa paisaxe de escuma e de aire que agora se esborralla, vencida pola couza do esquecemento. Algo de Man prendeu nel. Hoxe, a súa gubia labra coa intención de lle dar ás pezas un acabado semellante ao que o mar, co seu bater de ondas, consegue sobre os troncos procedentes das selvas ecuatoriais e das illas incógnitas. Explorar e perseguir o traballo do océano, suxerir o acabado da natureza supón posuír unha intención de ciclope, a perseveranza do soñador audaz. Enrique dálle unha volta ao ser do crebeiro. El non procura a peza nos cantís e nos areais de inverno, senón no estudio, deixando que a cadencia da música de Bach leve as mans, mazada tras mazada, onda tras onda, ata as trinta mil que son precisas para que estas traballen como a auga. O resultado, velaquí o tedes.  

VOLTA AO TRABALLO

Hoxe é o primeiro día de traballo logo de vinte de vacacións. Foron días fermosos, con algunha incidencia non desexable, como o conflito vivido cos parentes de María de Fetós, cando lles fun dicir que, como ela, de oitenta e sete anos, vive soa, nunha aldea na que non dorme ninguén máis, sería convinte dotala do servizo de teleasistencia, que no seu caso era un dereito, cousa que xa consultara eu no concello. Iso debe ser meterse onde non chaman a un, porque a reacción violenta que provoquei en contra miña foi desproporcionada e absurda. María, en principio ilusionada coa proposta, acabou por dicir que non quería saber nada desas cousas. Isto si me desacougou.

Pero a vida continúa e de volta no traballo quero agasallarme a min e a todos os que estean en situación semellante cunha dose de optimismo e de ilusión, como o que transmiten os Hot Chocolates, este grupo coruñés que onte actuou no Jazz Filloa. Para todos vós:

Saco a composición do grupo da páxina: vivirnacoruna.es

Nando “Lips” González: Trompeta
“Hot” Santi González: Saxofón Tenor
Pablo “Cañonbol” Lijó: Saxofón Alto
Víctor “El mago de Tudela” Sánchez: Clarinete
Diego “Lover” Rodríguez: Trombón
Iago “Nimblehands” Mouriño: Piano
Juan “Sexy” Tinaquero: Contrabaixo
Juan “Cabenikolai” Cabe: Banjo, Guitarra
Santi “Papá” Roma: Batería, Tabla de lavar
Marian “La Cornamusa” Ledesma, voz.
Miguel “Gigolo” Ladrón de Guevara, voz.

FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA

Cita anual na Feira do libro da Coruña. Milleiros de persoas pasean por diante das casetas, convocadas pola extraordinaria oferta que ofrecen os Cantóns e os Xardíns de Méndez Núñez. Nun ámbito tan reducido conviven durante dez días: Feira de Artesanía, Salón do Cómic, Feira do Libro e os locais das casas rexionais. No quiosco Alfonso e no Palexco pódense visitar as magníficas exposicións dos mellores debuxantes de banda deseñada. Á carpa dos libros, cada serán, achéganse escritores a presentar as súas novidades.

Ali Ali e Xan Arias de editorial Trifolium

Ali Ali e Xan Arias de editorial Trifolium

Onte estiven toda a tarde na Feira do Libro. A convocatoria era iniciativa da Asociación de Editores Coruñeses, que reúne a sete editoriais que acordaron asociarse nun tempo difícil no que compartir axuda. Na feira ocupan dúas casetas, cada unha coa súa oferta e cos seus clientes e a verdade é que a unión das sete é garantía dun público variado que se achega con curiosidade aos libros daquelas que non coceñe.

Na caseta estabamos Ali Ali e eu ás seis da tarde. Os primeiros 45 minutos sucederon sen incidencias, coa sensación de que non iamos asinar nada. Os comentarios, os de sempre, que a feira ía frouxa. Achegábanse as sete cando veu polo stand unha mociña de Navarra, de vacacións entre nós cunha amiga e un amigo que a acompañaban. Era a cuarta vez que pasaba por diante da caseta e non podía deixar de pararse a contemplar Suleiman y Salúa, algo caro para a súa economía de aí as dúbidas. Pero onte, véspera do final da vacación, decidírase. Izaskul é o seu nome que escribimos Ali Ali e eu, el en árabe. Foi tan feliz coas longas dedicatorias dos dous e nós quedamos tan contentos, que a confluencia de tanta enerxía positiva cambiou o aire. A partir dese momento, eu asinei: 5 Suleiman y Salúa máis, 5 As Crebas, 1 Miño e 1 Días de cera.

Vin moitos amigos e compartín o tempo con Daniel, vendo como traballa para ese proxecto fermoso que é http://www.vivirnacoruna.es

Logo asistín á presentación dunha singularidade, A dama da noite, novela sobre os últimos días de Rosalía de Castro, escrita por Xavier Seoane e publicada por Laiovento. Participaban no acto Pancho Pillado pola editorial, Anxo Angueira como presidente da Fundación Rosalía e Xavier como autor.

Esta é a crónica:

Rosalía de Castro viviu na Coruña entre os anos 1871 e 1878, na praza da Fariña, hoxe praza de Azcárraga. Unha placa na fachada dunha das casas, lembra ese feito. A Coruña é pois un dos espazos importantes na vida da escritora, tal e como recolle Xavier Seoane no seu libro A dama da noite e como salientou onte Anxo Angueira.

A dama da noiteA dama da noite é, a xuízo de Francisco Pillado, un libro histórico, que prestixa a calquera editorial, tanto polo libro en si, -unha desas lecturas que dá mágoa rematar-como polo feito asumir o reto de enfrontar nun texto narrativo, os últimos días da escritora. Poema en prosa sinfónica, afirmou refiríndose con admiración ao texto escrito por Xavier Seoane.

Como reto extraordinario cualificou Anxo Angueira a proposta de Seoane, xa que novelar parte da vida de Rosalía require valor, por ser un personaxe de tanta envergadura que mete medo, afirmou, engadindo que ninguén ata agora se atrevera a facer algo semellante ao abordado por Xavier. Na súa opinión, o libro incide nese remuíño que vivimos nos últimos anos e que pretende situar á fundadora da moderna literatura galega, na perspectiva do noso tempo, fuxindo do estereotipo morriñento que dela se tivo ata hai pouco. Angueira considera a Rosalía fonte e océano: fonte por ser a matriz do que somos; océano porque nela está o horizonte cara o que camiñamos. Debullou os núcleos nos que se centra a novela, compartidos por todos os que se achegan ao mundo rosaliano hoxe: a paternidade ausente; a penuria económica familiar; a Rosalía feminista; o perfil intelectual, político e social que nos ofrece a perspectiva dunha muller revolucionaria que xa dende a mocidade reclamaba igualdade, independencia e liberdade, rematando por centrar os lugares esenciais na vida da escritora, que son tamén os que Xavier recolle na novela: Ortoño, Padrón, Santiago de Compostela, Madrid, A Coruña, Lestrove e a Casa da Matanza, hoxe lugar de referencia rosaliana, lugares que nos falan dunha muller de múltiples lecturas, relacionada ca vangarda cultural galega e española, de pensamento demócrata e liberal, coñecedora dos movementos sociais e literarios europeos.

Libro difícil, dixo Xavier Seoane desta súa última obra, por ser Rosalía unha figura grandiosa e enigmática, cunha vida na que as grandes preguntas seguen sen responder. Confesou que sempre se plantexou escribir unha obra de ficción, polo que iso supoñía de liberdade, aínda que nalgún intre considerou que pola cantidade de material reunido e das lecturas acumuladas, estaba en condicións de escribir un ensaio biográfico. Xavier rematou a súa intervención asegurando que poñía este libro en mans dos lectores, con humildade, aceptando a súa consideración.

Mañá ás 20,00 h. toca presentación de “As crebas, outro xeito de andar ao mar”, que fixen con Maribel Longueira e que publicou Baía Edicións. Será ás oito e sentarán comigo Belén López, pola editorial e Manuel Rodríguez, xornalista de La Voz de Galicia e crebeiro coma min.

 

SALVADOR ALLENDE

Se hai pouco máis de quince días, era con Jorge Edwards con quen podiamos falar de literatura chilena, do Chile anterior ao golpe de estado e de Salvador Allende, o pasado sábado, en horario matinal, a oportunidade repetiuse e puidemos invocar de novo a figura do Presidente que quixo transitar polo carreiro difícil do socialismo democrático e, con el, a de Víctor Jara, a de Pablo Neruda e tantos outros. Desta vez a aproveitamos a visita do escritor e editor Gonzalo Contreras, de viaxe por Europa para presentar os dous tomos do libro La cultura con Allende, do que é autor e editor, xunto con Eduardo Vassallo.

O acto, promovido pola A.C, Irmáns Suárez Picallo, organizado por vivirnacoruña.es e presentado por Francisco Pita, desenvolveuse no local das Portas Ártabras, na cidade vella coruñesa e contou coa participación do cantautor César de Centi, quen interpretou tres cancións, unha propia e tamén Te recuerdo Amanda, de Víctor Jara e Yo pisaré las calles nuevamente, de Pablo Milanés, quen por certo foi intervido a semana pasada dun transplante de ril no Complexo Hospitalario Univesitario da Coruña. César publicou recentemente o seu segundo disco La luz de los gigantes. Neste vídeo César canta con Félix Arias.

Os dous tomos da obra presentada suman máis de 1200 páxinas e nelas recóllese a crónica da relación e apoio do mundo da cultura co goberno de Salvador Allende. Precedeu á presentación a proxección dun documental que puxo en antecedentes aos asistentes, lembrando o que foron os mil días de goberno de Allende, o seu intento de acceder ao socialismo pola vía democrática, as folgas salvaxes da patronal para boicotear a economía e o abastecemento de alimentos e a traizón dos militares. Dalgún xeito, esa crónica está recollida na obra presentada, pero narrada dende o punto de vista da intervención cultural e dende a expresión dos artistas e creadores chilenos.

O debate que seguiu á presentación foi vivo, emotivo e intenso. Nel, Gonzalo contounos a historia da vinganza de Antonio Ramón Ramón contra o xeneral Roberto Silva Renard, responsable da matanza de traballadores, mulleres e nenos na escola Domingo Santa María de Iquique, na que morreu o irmán ilexítimo de Antonio, Manuel Vaca. Gonzalo confundiuse e pensou galegos os irmáns, que en realidade son orixinarios de Granada. Porén, a historia resulta moi interesante. Investigada polo historiador Igor Goicovic Donoso, recolleuno no libro Entre el dolor y la ira, do que deixo este enlace.

Entre el dolor y la ira. La venganza de Antonio Ramón …

Gonzalo Contreras deixoume tamén un agasallo especial, a súa selección de poetas chilenos contemporáneos, na que figuran vinte autores, dende Carlos Pezoa Véliz ou Gabriela Mistral, ata Raúl Zurita e Diego Maquieira, contemporáneos nosos.