LABORATORIO APIARIO

Apiario LaboratorioHai poucos días estiven en Apiario, convidado por Antía Otero e Dores Tembrás. Participaba nunha das sesións dun obradoiro literario dedicado a Julio Cortázar.  Debía falar algo sobre a relación do autor dos cronopios connosco, e intervir na lectura común do relato La señorita Cora. Paseino moi ben e sentinme moi a gusto, acollido por Dores e Antía, compartindo o devalar da tarde cos asistentes ao obradoiro.

Laboratorio Apiario é un proxecto singular e que me interesa moito. O nome está relacionado coa actividade das abellas e é sinónimo de alvariza. Apiario, alvariza, conxunto de enxames, e cada enxame resultado colectivo da actividade individual dos seres que o forman. Creo que esa é a idea, porque así é a cultura e este é un proxecto económico e cultural que toma a comunidade como referencia.

Supoño que Apiario poderá ir medrando e ampliando ámbitos deApiario logo exploración e de traballo, pero xa de nacemento a súa proposta consiste en combinar a actividade editoiral independente e libre con iniciativas de formación literaria, a través de obradoiros e cursos de escrita en centros escolares ou empresas, clubs de lectura ou encontros con autores.

Como editorial vai prestar atención a novos valores da escrita e da ilustración. Tres son as coleccións con que inician o camiño: Cera labrada (poesía), Niño de abella (infantil) e Abella mestra (ensaio). Na primeira colección publicaron xa o libro Celebración, de Gonzalo Hermo, autor nacido en Rianxo, tal día coma hoxe, hai 28 anos, que xa publicou en 2011 o libro Crac e que forma parte das Redes Escarlata. Del é este poema:

TES A IDADE da túa pel,

pero a memoria é vella de máis para entendelo.

Repetirei o teu nome cando sexas outro
para evocar
aquilo que perdín e amei fondamente.

A linguaxe dura.

Os corpos non.

Apiario 1

Para inaugurar Niño de abella, optaron por un fermoso texto de María Lado, Porque Cuqui non quere ir á lavadora, con ilustracións de Yanina Torres Tuirán. É este un libro co que todos os nenos estarán conformes e que todo adulto debe ler, porque fala da relación tenra e fermosa entre nai e neno e aclara as razóns polas que non convén lavar a máquina o osiño das noites.

Anúnciase, tamén a publicación: Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas, con achegas de Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Antía Otero e Dores Tembrás.

Deixo aquí o enlace á entrada na que VivirNaCoruña presentou este proxecto. Apiario non está moi lonxe da iniciativa de Lucía e Daniel. Aínda que Apiario ten como ámbitos de actuación a  formación e a edición e VivirNaCoruña a información e a comunicación, ambos son proxectos de xente nova, emprendedores nun mundo tan difícil e complexo como é a cultura, que enchen baleiros existentes e que pretenden facer visible e poñer en valor unha parte do esforzo que desenvolvemos como colectividade, o esforzo creativo e innovador, tan pouco cotizados.

http://vivirnacoruna.es/eventos-literatura/apiario-unha-editorial-baseada-na-comunidade/

A miña experiencia con elas foi formidable e podo dar fe de que o Laboratorio vai máis alá do experimento e ten na praxis, no empírico, un alicerce fundamental, velaí, senón, as madeleines de Proust preparadas por Dores e que, xunto cos tés e outras herbas, amenizan as tardes e que traen recendos de literatura maior, exactamente o que se coce e enforna no laboratorio.

ROSALÍA DE CASTRO

Hoxe é o día de Rosalía e ata o celebra Google. Abrín o ordenador, vin os seus versos e o seu rostro e sentín un certo orgullo. Esta iniciativa de Google non compensou o enfado que teño con eles por dúas razóns que teñen que ver coa lingua, a primeira que non aceptasen dedicar a cabeceira dun 17 de maio ás letras galegas, malia que existiu solicitude formal. A segunda, que a VivirNaCoruña non lle dan publicidade por ter un amplo número de contidos en galego. Eu supoño que o que lles queren dicir é que estando a maior parte dos contidos en galego, non teñen publicidade nese idioma, pero xa podían apurar para tela, pero ademais, tendo a páxina contidos en castelán, ben lle podían ofrecer publicidade nesa lingua, que hai que conseguir facer rendibles os proxectos.

Volvo a Rosalía. Celebramos o 178 aniversario do nacemento, un 24 de febreiro, en Santiago de Compostela. E, para conmemorar tal efemérede, penso que o mellor é recitar versos. Pola tarde participarei na lectura aberta que convoca a Asociación de Escritores en Lingua Galega no Ágora da Coruña. Vou ler o poema “Nasín cando as prantas nasen” de Cantares Gallegos e vou explicar a razón.

rosalia-castro-cantares

Nos mes de novembro de 2013, recibín un correo electrónico de Suso Díaz, a quen non coñecía, nin coñezo, persoalmente. Convidábame a participar nunha iniciativa denominada 150 Cantares para Rosalía de Castro. Se aceptaba debería asumir escribir un poema a partir duns versos que el me daría, pertencentes a un poema dela. Aceptei.

Meses despois chegaron eses versos, que eran a segunda estrofa do poema que vou ler hoxe: Desque te quixen, ingrato/ todo acabóu para min,/ que eras ti para min todo,/ miña groria e meu vivir.

Tiña un prazo para enviar o meu texto. Andaba eu bastante amolado porque non conseguía nada que merecese a pena, cando Eva Veiga nos convocou a un recital que servía de despedida á exposición Vento de inverno do artista xaponés Yamamoto Masafumi. Presentaba Teresa Seara e estabamos moitos. Daquel día xa deixei constancia na entrada do blog: http://fernandeznaval.blogaliza.org/2014/03/03/1653/

Ese día acompañábanos a soprano Victoria Álvarez Acón (Vicky), quen cantou varias cancións de repertorio galego, entre elas: Rosa de abril ou Nasín cando as prantas nasen, con música de Andrés Gaos. E alí, escoitándoa, o meu poema para a encarga de Suso naceu só, si, escoitándoa, seguindo a súa voz. Sempre lle estarei agradecido pola luz daquel serán. Ela, agora, forma parte do proxecto Música de Mar de Lira, o disco gravado hai 15 días en Compostela, a partir das composicións de José Luis Fernández Carnicero. Así son os camiños da vida.

Non hai gravación desa canción por Vicky, así que deixo esta outra, para celebrar o día. Eses teus ollos, acompañada de Xosé Manuel Yáñez, o pianista do proxecto Mar de Lira. Non é Rosalía, que é Curros, pero eles tamén se querían:

Deixo aquí os dous poemas, o de Rosalía, que para iso é o día, e logo o meu que naceu dende o dela. Engadir que hoxe a Fundación Rosalía de Castro publica en edición dixital, na súa páxina o proxecto de Suso Díaz: 150 Cantares para Rosalía de Castro e que a presentación será, na propia Fundación, na Casa da Matanza de Padrón, o día 7 de marzo, sábado.

Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti. 
Desque te quixen, ingrato,
todo acabóu para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De qué, pois, te queixas, Mauro?
¿De qué, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei qué quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir.
Nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir.

E agora o meu:

RECITAL
A Victoria Álvarez Acón
Ían as voces sementando versos,
palabras núas sobre o anel da chuvia,
transparentes palabras, coma a atmosfera
nipona que envolvía os muros. Vento yamamoto
inverno masafumi auga, as cálidas palabras.
Entón foi o piano, a man,
a espiña en espiral, a rosa, o pentagrama,
Gaos, a música, a voz limpísima debuxando a canción
prendendo na emoción comunal
dos que respiran.
Desque te quixen, ingrato, e alentaba.
Desque me entreguei ás ondas túas
sen nada que che pedir, desque
me dei a escumas que florecen
no tenro mar de pardelas en abril.
Desque. Mais cando te escoitei as queixas
todo acabou para min
que eras ti para min todo
miña groria e meu vivir.
A que nostalxias me levou
o son harmónico da clara voz que abría
ventos de sol, areas de saudade
no negro chan do meu asombro en sombra?
A que luz de melodía? A que recendo de serán?
A que delirio? Ían os versos, coma avellóns de estío,
desprendidos da voz e das palabras, sementando
soños de aureana e tango.

 

VIVIRNACORUNA. ORGULLO DE PAI

Perdón, pero hoxe toca compartir o contento e o orgullo de pai. Para Lucía e Daniel, esta pasada foi unha fin de semana intensa. O seu proxecto http://www.vivirnacoruna.es, axenda cultural da cidade, foi presentado en varios foros, obtendo en todos o recoñecemento e abrindo portas de futuras colaboracións. O momento máis especial foi cando o sábado recibían a notificación de que se lles concedía un dos premios outorgados por Smart Coruña. Encántame esa máxima de Lucía, aprendida do seu avó: “o caldo é a raíz do corpo”, porque é verdade e o caldo é, seguramente, o que lles permitiu manter o ritmo de traballo e a tensión destes últimos meses, ata poñer en marcha este proxecto.

Salientar que vivirnacoruna non é só unha axenda cultural, senón que tamén publica contidos interesantes, como a entrevista a Manuel Álvarez Torneiro da semana pasada ou a reportaxe sobre as “Arquitecturas interiores” de Carolina Fernández..

Velaí están os responsables dos tres proxectos gañadores en Smart Coruña: