CADEAS, COMA A VIDA

O pasado venres, 13 de decembro, na biblioteca da AA VV Atochas-Monte Alto-A Torre, presentabamos a novela de Xabier López López, Cadeas, premio Xerais deste ano. Na mesa estabamos Fran Alonso, Xabier e máis eu.

 

Este é un resumo da miña intervención, por se alguén se anima a ler un libro tan complexo e esixente coma intenso:

 Había tempo que non nos viamos Xabier e máis eu. Quizais dende o 2006. E non foi ata o pasado mes de xuño, na illa de San Simón, que nos volvemos atopar. Ese día levei unha alegría enorme cando a portavoz do xurado do premio Xerais fixo público o nome de Xabier, como gañador da edición deste ano, cun libro titulado Cadeas, este que hoxe presentamos. Busqueino logo, por entre tanta xente, cando considerei que xa o deixarían libre os fotógrafos e xornalistas. Atopámonos nun corredor e démonos unha aperta grande.

Son lector da súa obra dende hai unha morea de anos. Podo dicir que lin boa parte dos seus libros, non todos, seguro, pero case: Doutor Deus, O caderno, A estraña estrela, O mono no espello, A vida que nos mata, Trinta e dous dentes ou 1989. Teño pendente a edición castelán dun libro de relatos Los libros prestados, publicado en Bilbao, en marzo deste ano e que el me agasallou hai pouco.

Na biografía literaria de Xabier hai anos máxicos. Esa consideración podería ter o ano 2002, cando publica O mono no espello, premio Manuel Lueiro Rey e A estraña estrela (Aventuras, tránsitos e adversidades do singular viaxeiro Emilio Amarante). Esa consideración pode ter, tamén, este 2013, ano no que publica a versión castelán dos relatos que antes mencionei; 1989 publicado por Biblos, e este libro, premio Xerais do ano, que hoxe presentamos.

Non é a primeira novela de Xabier que presento. Xa antes, en Betanzos, no ano 2007, presentabamos A vida que nos mata, unha novela policial, no sentido que lle dá Borges a esta expresión, cando di que unha novela policial debe ser contida e ter unidade, e ter iso presente é importante hoxe, ao falar de Cadeas, xa que na súa aparente falta de unidade e contención, en comparación con aquela outra historia de investigación, protagonizada polo xornalista obeso e sentimental Sebastián Faraldo, podemos apreciar algúns dos trazos principais do Xabier López escritor: o dominio de diferentes rexistros, a capacidade de sorprender e de se rexenerar, a exploración de territorios diversos, a versatilidade.

Considérase que foi John Dos Pasos quen abriu o camiño ás novelas ou narracións de carácter fragmentario, compostas a xeito de mosaicos, xénero ou estilo ao que, na miña opinión, pertence esta Cadeas. Agora ben, pasaron arredor de 90 anos dende aquela Manhattan Transfer que inauguraba o estilo, polo que aquel que guste de afondar nel, debe, ao tempo, afastarse do modelo e, se pode, innovar. Isto fai Xabier López con Cadeas.

A Xabier sempre lle gustou xogar ao límite. Xa en Doutor Deus propoñía un mundo narrativo a piques de se desintegrar e en Trinta e dous dentes esixía do lector unha actitude cómplice levada ao extremo da verosimilitude, cun personaxe que retrocedía á infancia.

En Cadeas os nexos existen, pero non son evidentes. Agás a historia do escritor que vai cear á casa dos lectores e que supón, a través de 19 breves capítulos, a columna vertebral ou o encadeado do que saen o resto das liñas de fuga do libro, o resto de historias comunícanse a través de elementos sutís, case inmateriais, polo que o lector debe estar moi atento ou, o máis aconsellable, deixarse levar con inocencia polos vieiros propostos por Xabier.

O personaxe dese escritor que descobre na praia a unha muller que le un libro seu, é o nexo ou cadea máis longa e que articula o resto. Pero este escritor non é un personaxe que se faga querer. Fachendoso, obsesivo e egocéntrico, non resulta nin atractivo, nin simpático. Porén, algúns dos outros elos, con menos páxinas, están escritos para perdurar na memoria: a historia de Xan, soldado en Cuba; Manuel Antonio nun porto oceánico; Xaquín Caxigal, un músico festeiro. Non obstante, é el quen dá as pistas do que é este libro, falando cos lectores que o acollen no seu chalé unha noite de verán. El fálalles do novo proxecto no que traballa:

  • Ben -contestou-. Narrativa, por suposto.

  • Unha novela?

  • Un libro de relatos?

  • Nin unha cousa nin a outra

  • Se non é unha novela nin tampouco un libro de relatos…

  • Sen sabelo -replicou- case acabas de dicilo ti. Se non é unha novela nin tampouco un libro de relatos… Cabe aínda outra posibilidade, non si? Que sexa unha novela e un libro de relatos.

Novela ou modelo evolutivo dos cambios sutís, cheo de vida, de recendo fortes, de luz e de amor, pero tamén de morte e de violencia. Salvado o escritor, os restantes heroes son un corpo heteroxéneo de personaxes e nese sentido hai na novela algo de vocación totalizadora, a proposta dun horizonte de seres humanos que viven canda nós, universo de personaxes complexo, algúns identificables e que podemos representar no noso maxín, outros formando parte dun corpo social amplo e máis difuso, polo tanto.

Para completar o mosaico ou o collage, son tamén diferentes os xenéros que Xabier emprega para artellar o discurso, alternado a primeira e terceira persoas, incorporando narración epistolar, historia dentro da historia, crónica, entrevista, informe…

Historias que perviven en nós logo da lectura porque nos conmoven velaí: a dese misterioso hospital no que se vai a luz en noite de tormenta; a paixón de Manuel Antonio por Alecto; a de Xan por Dolores; a necesidade de amar de Xaquín Caxigal; a esmorga dos tres amigos nos Caneiros…

Algúns dos elos que vinculan os relatos son sutís, algúns físicos e corpóreos e outros inmateriais. Entre os primeiros, velaí a emasculación dos soldados británicos; as orellas; Rianxo; o lúpulo e a cervexa; Conrad; Abd-el-Krim; a cabaleiría dos Estados Unidos; a morte de Xosé Luís Castro Veiga, o Piloto; a sombra do nacismo. Pero tamén eses outros fíos invisibles: recendos; agarimos; calor; luz. Nestes eu atopo un estado de ánimo, un pulo, unha proposta emocional, a representación da rede de afectos que nos axuda a seguir en tempos complexos, que nos afirma na necesidade de procurar a felicidade.

Cadeas é unha novela para ler devagar, para disfrutar con cada unha das historias que Xabier propón, sabendo que podemos facer delas o uso que mellor nos cadre, vinculándoas ou sentíndoas na súa singularidade, sen obsesións, exercendo a autonomía e a liberdade do lector.

 

1989 BIBLOS EN BETANZOS

Onte pola tarde estiven en Betanzos. Acudín a presentar a novela 1989, de Xabier López López, último gañador do premio Xerais deste ano, con outro título, Cadeas, que sairá nas vindeiras semanas. Xa falei del algunha outra vez neste blog.

1989 é obra publicada por Biblos.  Novela breve, pero non por iso menor, que coma espello reflicte a sociedade na que derivou Galicia logo da chegada da democracia, tempo transcendente que é necesario contar porque, en boa medida, explica este momento arrepiante que vivimos. E isto xa é mérito para un libro. A partir da chegada a unha vila imaxinaria (o das vilas e cidades imaxinarias en Xabier convén poñelo en corentena, xa que sempre podemos intuír de que lugar se trata, pero aí está o xogo) dun xaponés, prodúcese unha sorte de revolución, na que participan todos os membros da comunidade, intrigados polo obxectivo último dese personaxe misterioso.

Cinco son as voces que nos falan, ou seis, se contamos os informes da policía local: Buah! a dun aprendiz nun taller de xoiería; Si muller si, a muller da pensión onde se hospeda en principio o xaponés; Pois resulta, o bibliotecario e escritor enchufado do alcalde; Que non che, o sindicalista da Federación de industrias afíns e O que eu che diga, dun ex combatente da guerra civil, bébedo e ilustrado, que sabe de Cunqueiro e recita anacos do Tenorio. Poderiamos engadir os partes que informan das actividades do xaponés, elaborados polos policías municipais que responden aos códigos CP 0001 e CP 0002.

Cinco voces e unha vila ensarillada no contar dos cinco: o empresario Miranda, os traballadores dos talleres de xoiería, os clientes dos bares, mariñeiros do fondal da ría, mulleres do club de alterne, o obxector de conciencia que fai servizo social substitutorio… A novela de Xabier causa en nós, por veces, un certo desalento, xa que recoñecemos nesa armazón social a sociedade que hoxe aínda vivimos e, por veces, riso, polas situacións estrambóticas que se producen. Esa retranca, ese xeito irónico de contar, é algo tradicional na narrativa de Xabier, escritor que forma parte desa nómina de autores que publican con regularidade textos de calidade e, ao tempo, accesibles ao público, escritores que alimentan e fornecen unha literaturae a visita doutro estranxeiro moito máis indefinido aínda. Escritores bidueiro, que eu lles chamo.

Novela coral, na que todas as voces manteñen o mesmo rexistro, sen que unhas medren por riba das outras e, tamén, novela da linguaxe, da palabra, xa que é a palabra a que dá ser aos narradores.

Alegreime de estar alí, porque estou vinculado ao proxecto Biblos dende a orixe como clube de lectores. Un día da primavera do ano 2003, viaxaba eu pola Costa da Morte realizando visitas a talleres artesáns por cousas do traballo cando, da oficina déronme o aviso de que tiña unha chamada. Aínda non tiña móbil. Dende unha cabina teléfonei ao número que me deran. Era Tucho Calvo, para preguntarme se tiña algún libro inédito co que poder iniciar a colección Mandaio, que durante anos foi o referente de Biblos clube de lectores. Eran os días do Prestige, e mentres vía voluntarios e persoal de Tragsa retirar o fuel do litoral de Camariñas, escoitei como Tucho me explicaba o proxecto que nacía. Van dez anos dende entón. Díxenlle que si, que tiña un conxunto de relatos que buscaban editor. Quedei en enviarllos e a resposta foi inmediata. Sete noites e un amencer foi o primeiro título da colección, o primeiro editado por Biblos.

Agora Biblos, que segue a ser clube, abre libraría. De corazón deséxolles sorte e éxito e ofrézolles a miña colaboración permanente. Sei que dedicación e amor polo libro non faltarán, coñecendo como coñezo a Carmela González e a Tucho Calvo.

A gran sorpresa da tarde, a emoción maior, foi ver a Inma, Violeta e Xacobe, que acudiron ao acto de presentación acompañados de Cristian ou Gabriel, ou Cristian Gabriel, os catro acabados de chegar de Perú. Sorprendeume a naturalidade coa que Gabriel se integrou no grupo familiar e fascinoume o proceso que vive de descuberta deste mundo no que vivimos nós, tan diferente do seu. Onte empecei a exercer de padriño. Penso que cariño non vai faltar. Velaí esta imaxe dos dous na libraría, cousa de Xacobe, claro.

 

O PREMIO XERAIS

O sábado pasado estivemos na illa de San Simón, na festa de Edicións Xerais de Galicia, na convocatoria anual de fallo e entrega dos premios Xerais de novela e Merlín de literatura infantil. Foi ocasión de saudar e falar con moita xente que había tempo non viamos. A alegría, ademais, foi grande, xa que o premio Xerais foi para un bo amigo, Xabier López López, ao que tamén había tempo que non vía, autor dunha obra xa importante e pola que sempre sentín admiración. A novela coa que gañou o premio e que teremos na man en poucos meses, leva por título Cadeas. Non coñecía a Antonio Fraga, gañador do Merlín co libro O castiñeiro en abril. Emocionounos a súa emoción e celebramos a felicidade de recibir o premio e casar, todo en oito días, dous sábados de xuño que, sen dúbida, serán fitos esenciais na súa vida.

Importante a intervención de Xavier Docampo, mantedor do acto, cun discurso sobre a lectura e sobre a lingua titulado: E serei unha cerdeira (panfleto). Tamén importantes as reflexións de Manolo Bragado sobre o mundo da edición e do libro que vén. Alegres os músicos da agrupación Os irmandiños de Vincius. Fundamental o traballo de Celia Torres.

Era a trinta edición do Xerais. En 1988, hai 25 anos, gañaba o premio O bosque das antas. Debo ser, aínda hoxe, o único gañador do Xerais que non recolleu o premio o día do fallo do xurado. Daquela o premio fallábase en outono. Aquel ano coincidía en sábado, 12 de novembro, día seguinte ao San Martiño, festa en Ourense. Aconteceu que eu non sabía moi ben como funcionaba o asunto. Nos xornais vin, ese mesmo día pola mañá, que a miña novela estaba entre as finalistas, pero non sabía que debería estar presente no fallo e entrega do premio, diso nada dicían as bases. Inocencia, ignorancia, ou as dúas cousas, o certo é que aquela tarde eu fun de magosto á casa duns amigos preto de Celanova. Regresamos a Ourense e xa pola noite, tomando unhas copas, David Cortón e Eustaquio Puga, sen me dicir nada, acordaron achegarse á redacción de La Región, situada aínda na rúa de Cardeal Quiroga de Ourense. Volveron coa boa nova. O bosque das antas gañara o premio. Ao día seguinte non había foto do gañador. A foto era de Víctor Freixanes, entón director da editorial, recollendo o premio no meu nome. Souben logo que durante todo o día, a editorial tratara de localizarme inutilmente. Entón aínda non tiñamos teléfonos móbiles.

Cinco veces pasei a máquina a novela, xa que, daquela, tampouco non tiñamos ordenadores. Era a prehistoria. Hoxe, ollando para atrás, sei e recoñezo que aquel premio marcou a miña vida. Entón non puiden dar as grazas, pero, se cadra, aínda é tempo. Grazas a editorial por convocar o premio cada ano e aos xurados, ao meu xurado, composto aquel ano por: Roi Alonso, Luis Álvarez Pousa, Antón Gómez Vilasó, Pedro de Llano e Berta Piñó. Logo dun tempo sen colaborar, hoxe sigo publicando a miña narrativa con esta editorial, nela están os dous últimos títulos: Para seguir bailando e A noite branca.

Reproduzo aquí as cubertas da primeira e a cuarta edición daquel libro, transcendental par min. A imaxe da primeira era de Vilar Cardona. A da cuarta, unha barca como sería a de Amador, o barqueiro da novela, é de Maribel Longueira. Fomos dar con ela un serán, preto de Vide, logo de percorrer as beiras do Miño dende Chantada.