MONTE PINDO: VELLAS IMAXES, RELATOS DA MEMORIA

Estiven o venres en Guitiriz, participando no curso de verán A paisaxe como patrimonio, que cada ano a Universidade de Santiago de Compostela alí convoca, curso organizado por Roxelio Pérez Moreira e F. Javier López González. Non era a primeira vez que participaba, xa estivera noutra edición anterior falando das paisaxes do solpor. Nesta ocasión a miña intervención tiña o título de: Monte Pindo, símbolo e identidade.

Buscando imaxes para ilustrar a charla, atopei estas do arquivo de Maribel Longueira. Son do ano 1982. Na primeira vemos a Fernando Alonso Romero con Xan Louro, na segunda Maribel e Luis Monteagudo conversan con ese home ao que debemos boa parte do coñecemento que temos do Monte.

Xan Louro con Fernando Alonso Romero

Xan Louro con Luis Monteagudo e Maribel Longueira

Xan Louro foi compañía xenerosa daquel tempo. Coñecedor de cada recuncho do Monte, da súa microtoponimia, gozaba subindo a el e contando o que sabía. Foi el quen atopou a vasilla medieval, hoxe depositada no Museo do Pobo Galego. Foi el quen amosou algunhas das covas onde procuraban agocho os fuxidos ao Pedregal, logo do levantamento militar do 18 de xullo de 1936. Hoxe conmemóranse 80 anos daquel feito.

Entre os seus moitos valores, o Monte Pindo tamén atesoura o de ser referencia da memoria silenciada. Foron moitos os homes que alí atoparon refuxio, moitas as mulleres castigadas por axudar a maridos, irmáns, noivos ou fillos. Alí buscou refuxio Manuel Rodríguez Louro, o preso 4148 de Mathausen, que o 16 de setembro de 1941 sería asasinado no castelo de Hartheim, instalación anexa ao campo onde se experimentaba con métodos que asegurasen acadar de maneira rápida a “solución final”.

Nunca teremos palabras abondas, nin tempo, para restituír a memoria dos vencidos. Pero tampouco teremos acougo se non o intentamos.

 

Advertisement

MONTE PINDO VELLA INSCRICIÓN

Subimos outra volta ao Monte Pindo. A intención era ver esa inscrición que apareceu hai poucas semanas no espazo da capela da Moa. Fomos Fernando Alonso Romero, María Tilve, Lino Lema, as dúas cadelas: Xida e Torga e eu. O nome de Xida provén da Arxina, a lingua dos canteiros de Pontevedra, que canteiro foi o avó de María, e significa: bonita, fermosa, boa, e así é ela. Saímos tarde e subimos pola cara interior, dende Fieiro. Faltaban dous minutos para as 12 cando empezamos a camiñar.

O lugar dos encantos

O lugar dos encantos

O día estaba bo, sen frío, só unha néboa inconstante nos amolaba ás veces, pero nunca nos impediu ter visibilidade abonda como para continuar a ascensión. Ao pasar, Fernando recoñeceu un lugar no que, hai moitos anos, Xan Louro lle contou que era un dos espazos onde sucedían os encantos, aquilo de que unha fada, cos cabelos rubios e peite de ouro, senta nunha pedra, peitea o pelo e agarda que pase alguén por ver se a desencanta. Malia estar dispostos a intentalo, non apareceu.

Cabaña ao pé da Moa

Cabaña ao pé da Moa

A inscrición está difícil de ver, no chan, moi lonxe do lugar onde nós buscabamos. NoCoviña forno moa esforzo por atopala demos coa vellaxa recollida no seu día por Barreiro Barral, e outra nunha das pedras amoreadas na ruína do que foi capela. Xantamos e decidimos subir á Moa, por ver de distanciarnos e que a procura non se volvese obsesión, coa idea de regresar para seguir buscando o que era motivo da excursión. Dende arriba chamei a Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, quen nos deu instrucións sobre onde podiamos vela.

A visión dende arriba era fermosa, na mestura de sol e brétema que a paisaxe conxugaba. Tamén paramos nun perímetro de pedra, que Fernando e Luis Monteagudo consideraron sempre un dos vestixios de primeira vivenda do home, nun tempo antigo, difícil de precisar sen escavación.

Panorámica dende a Moa

Panorámica dende a Moa

Forno da MoaRegresamos e buscamos con afán e teimudos, agora tomando como referencia o Forno da Moa, esa pequena gruta onde se pensou sempre que habitou un ermitán nos primeiros tempos do cristianismo na vella Gallaecia. Atopamos unha coviña que non viramos antes, pero a inscrición seguía sen aparecer. Por fin deu con ela Fernando. A auga da chuvia sobre a pedra e a néboa que eliminaba a sombra dos relevos, dificultaban moito a visión. Complicado recollela en foto, non na memoria. Tomamos, iso si, nota dos elementos que a forman e medímola.

Pedra da inscrición

Pedra da inscrición

Na baixada  atopamos muros que non viramos noutras ocasións e outros restos de cabanas, un deles que debeu ser importante, con casa rectangular e outras máis pequenas que deberon ser cortes.

Conxunto cabana e cortes

Conxunto cabana e cortes

Chegamos aos coches ás seis da tarde, logo de 6 horas camiñando. Por entre os fíos de néboa vimos asomar a lúa.

As nosas compañeiras, respectando o almorzo

As nosas compañeiras, respectando o almorzo

Exploradores con Xida, ao pé dun dos muros.

Exploradores con Xida, ao pé dun dos muros.

(Todas as fotografías son miñas, agás esta última dos exploradores, que é de Lino Lema)