AURORA BERNÁRDEZ, VLADIMIR NABOKOV E OUTROS CAMIÑOS

Risa en la oscuridadO cotián ten cousas sorprendentes. Realmente é el quen lle dá aire aos días. Nel está a aventura maior, a posibilidade de sorpresa, de alegría e, tamén, de decepcións e de tristeza. No cotián váisenos a vida. Vén isto a conto porque estes días, comprobando cantas traducións de Aurora Bernárdez hai entre os meus libros, volvín a Vladimir Nabokov. Ningunha das obras que teño del foi traducida por Aurora e é mágoa, porque si son dela case todo o Calvino que gardo, algún Camus, La Náusea de Sartre, o Cuarteto de Alejandría de Durrell, Simone de Beauvoir; e digo o da mágoa porque me gusta moito como exerce Aurora o oficio de tradutora, o cal sempre supón, tamén, un xeito de escribir. Remexendo, a man deu, ou quedou prendida, a unha novela que non lera, Risa en la oscuridad (Laughter in the Dark), escrita en 1938 e que forma parte xa da obra americana do autor nacido en San Petersburgo.

A lectura deste libro en catro días supuxo unha desas aventuras humildes que suceden no transcorrer das semanas, na quietude do fogar, mentres fóra chove. Son varios os elementos de Risa en la oscuridad que anticipan Lolita, novela ben querida polo director de cine ourensán Xavier Bermúdez e feita película por Stanley Kubrick, en 1963. Está, dende logo, a sedución que a rapaza adolescente exerce sobre o home maduro. Xa o dixen antes de agora, pero non está de máis lembrar que Nabokov e Buñuel son dúas das referencias na obra de Xavier.

A novela narra a historia dun berlinés de clase alta, Albinus, casado e pai dunha filla, que namora de Margot, unha acomodadora de cine. Dende o principio sabemos que a historia non rematará ben, pero non por iso deixamos de ler, velaí a habilidade narrativa de Nabokov, quen nos sorprende con algún xogo malabar extraordinario, como a descrición que fai, cambiando dúas veces a perspectiva, do accidente de coche que Albinus e Margot sofren nunha estrada retorta das montañas da Provence. Albinus case non sabe conducir, circunstancia que compartía con Nabokov, quen nunca aprendeu, dependendo totalmente, dende o punto de vista da automoción, de Vera, a súa muller. Quizais por iso a agasallaba con debuxos de bolboretas fermosas. Porque Nabokov era, tamén, un grande entomólogo, encargado durante un tempo da colección de bolboretas da Universidade de Harvard, exercendo de curador. Un xénero destes lepidópteros recibiu, na súa honra, o nome de Nabokovia.

bolboreta nabokovia

bolboreta nabokovia

A condición de escritor e científico non é infrecuente no mundo da literatura. Goethe deixounos a teoría das cores, a metamorfose das plantas ou os traballos sobre o óso maxilar. En Galicia temos o caso excepcional de Rafael Dieste, autor dun texto sobre os axiomas, dun tratado do paralelismo ou do Testamento geométrico, escollido por Roberto Bolaño como un dos soportes da súa obra maior, 2666, sempre de lectura obrigada e, de maneira particular hoxe, cando asistimos a esa convulsión, case revolucionaria, que padece a sociedade mexicana.

Interior casa Dieste e Carmen

Interior casa Dieste e Carmen

Lembrar, pechando este círculo, que Aurora coñeceu a Cortázar pouco antes de mudar este a vivir no piso de Dieste e Carmen Múñoz na Rúa Lavalle, realquilado a Cortázar por Luis Baudizzone, o encargado por Carmen e Rafael de se ocupar das súas cousas en Bos Aires, no tempo no que Dieste foi lector de castelán en Cambrigde.

Esta Margot da historia lembroume a do tango de José Ricardo e Celedonio Flores, interpretado por Gardel. E volvín de novo, con saudade, ao café Margot, alá por Boedo, onde conservan os seus presuntos guantes e o seu bolso, café onde sitúo un dos relatos do libro Para seguir bailando, o titulado, precisamente Margot a noite e un adeus. Así son os camiños do cotián e aquí deixo o tango en versión de Joan Manuel Serrat.

Advertisement

O OURO DO TEMPO II

Esta crítica da película de Xavier Bermúdez, emitida no programa Días de cine, responde bastante ben ao meu sentir, como respondía a de Eduardo Galán, publicada en La Voz de Galicia o sábado pasado. A opinión é bastante coincidente en todas as persoas coas que falo, Xavier Bermúdez, nesta nova obra acada o seu momento máis elevado, superando outros que tamén eran extraordinarios.

O OURO DO TEMPO

Falei varias veces neste sitio da última película de Xavier Bermúdez, O ouro do tempo, producida por Xamalú Films. En realidade daba información sobre as alegrías que a súa participación en festivais nos ía proporcionando, pero onte fun ao cine e asistín á estrea e agora podo falar con fundamento.

O ouro do tempoA min gústame o cine de Xavier. Dicía onte Manolo Cortés que o meu non ten mérito, que son fan e ourensán, coma el, pero é verdade que as súas películas, unhas máis ca outras, son do meu gusto. Quizais a que máis me gustou foi León e Olvido, pero tamén aquela primeira Luz negra. Non vin en condicións Rafael e Nena, gustándome, paréceme moi superada polas outras. Todo isto ata onte. Porque logo de ver onte O ouro do tempo debo admitir que esta é a película que inicia o período de madurez de Xavier.

Vina tendo á beira a Eva Veiga e detrás a Chuqui e a Tacho Puga. Por Tacho coñecín eu a Xavier. Con Eva comparto moitos criterios sobre o traballo creador. Os catro coincidiamos ao final na nosa apreciación da película e en varios argumentos de valoración, aspectos a destacar do filme, entre outros: a contención narrativa, ese non ceder ao obvio, limpar o guión e a montaxe de elementos superfluos. A capacidade Xavier para filmar o sutil das relacións humanas, para captar en imaxe o que resulta inaprensible e que, normalmente, é material poético. O valor do tempo nesta nova película, e en relación con isto, eu comentaba con Xavier que seguramente era a máis “Ericiana” (por Víctor Erice, claro) das súas obras, sabendo, como sei, da relación de amizade que manteñen os dous. Formidable, tamén, a dirección de actores, valorando esa querencia de Xavier de repetir cos mesmos intérpretes, chamando de novo a Manolo Cortés (Rafael), Nerea Barros (Nena) e Marta Larralde (León e Olvido) e decidíndose por Ernesto Chao para o papel principal, o que enriquece a película cunha formidable interpretación, ao tempo que agasallou a Xavier cun novo amigo. O humor, esa retranca que lembra a Buñuel (outra das referencias de Xavier), algo irreverente e anárquico, que sen quebrar os fíos sutís, provoca o sorriso e fai levedar a historia. Unha certa inclinación por ser voyeur de Xavier, moi na liña de Nobokov, que é outro dos seus alicerces.

Imaxe O ouro do tempo

Cando falabamos estes días da película, Xavier dicíame que era para xente que gustaba ver medrar a herba. Pero non é tanto así, porque a película, lembrando o tratamento que Erice fixo do tempo en El sol de membrillo, non perde de vista o argumento e a historia que trata de contar. Magnífica ese comentario do protagonista (Ernesto Chao), nun momento no que xoga ao xadrez co seu fillo (Manolo Cortés) e di: Que partida tan violenta! e que a min me parece un resumo da película.

Paréceme apreciar, tamén, a man de Manane Rodríguez, compañeira de vida e profesión de Xavier, coautora da montaxe, sufridora das dificultades e partícipe das ilusións e das alegrías desta e das restantes películas de Xavier, como el o é das dela.

Con todo o anterior só quero convidar a ir ao cine e ver O sol do tempo. Acudide, se podedes.

O OURO DO TEMPO, UNHA ALEGRÍA

Chega agora mesmo a boa nova de que a película “O ouro do tempo”, de Xavier Bermúdez, producida por Xamalú Filmes co apoio de AGADIC e a participación de TVG recibiu a noite do pasado sábado d28 de xuño, en Varna, Bulgaria, o Premio Especial do Festival and Congress Centre Varna, Love is Folly. Xa noutra entrada deste blog falamos desta película, ofrecendo o tráiler comercial:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2013/06/04/o-ouro-do-tempo-de-xavier-bermudez/

Xavier recibindo o premio

Xavier recibindo o premio

No mes de xullo “O ouro do tempo” participará no festival de Cine de Amor de Santiago de Chile, e en outubro formará parte dunha retrospectiva dedicada a Xavier Bermúdez no Festival Internacional REGIOFUN de Katowice, Polonia. Quen  puidera asistir con el a esa retrospectiva e ver de novo: Luz negra, Nena, León y Olvido (a película máis premiada do cine galego), Rafael ou esta O ouro do tempo, que aínda non tivemos ocasión de gozar, pero que sabemos será estreada en cines comerciais o mes de xullo que empeza mañá.

Para nós e para este blog, esta nova é unha satisfacción e motivo de orgullo. Grazas Xavier, grazas Manane.

AGUSTÍN GARCÍA CALVO SEGUE A DICIR NON

O día 1 deste mes foi o primeiro cabodano do pasamento do escritor Agustín García Calvo (Zamora 1926 – 2012). O meu amigo Xavier Bermúdez envíame este texto, quizais o último ou un dos últimos que escribiu García Calvo e que circulou estes días pola rede, supoño que conmemorando a data con esta lembranza del:

“No me queda por hoy más que recordaros, contra la general creencia, que no está demostrado que se muera uno del todo y por siempre, y que acaso, sólo acaso, mi muerte no sea completa. Así como el hablar con los muertos, sobre todo con los antiguos, como mi oficio de filólogo y el deleite que en ello encuentro me han acostumbrado, los ha de algún modo resucitado a ellos y rescatado a mí de este sin vivir cotidiano, así ese pueblo desconocido y sin fin, como el Universo mismo cuya infinitud indómita, aunque ya se las apañarán para intentar domesticarla, los propios científicos del momento no han podido por menos de reconocer estos días, será el artífice de mi resurrección.

Una resurrección que no será la de la Persona de Agustín García Calvo, no, ese no.

Resucitaré en cambio simplemente yo, el que ahora os habla por escrito, y que habita en las carnes de aquel.

Y resucitaré cada vez que alguien me traiga a la vida de recobrar mis palabras y de seguir diciendo NO.

Y esa duda de mi muerte me trae al menos alivio para esta pena de habitar entre los vivosmuertos en el entretanto. “

E eu non podo deixar de sentir consolo e alborozo ao saber que el, que xa conversara cos mortos e polo tanto sabía cal era o ámbito mestizo de isoglosas, entre este mundo e o outro, segue comunicándose connosco e dicindo ese NON contra todo o ruín e perverso que nos acontece. Xavier e Manane Rodríguez foron, e seguen sendo, moi amigos de Isabelita e de Agustín. Velaí os catro, anos atrás, nesta imaxe:

Agustín con Isabel, Xavier e Manane

Agustín con Isabel, Xavier e Manane

Neste sitio http://bauldetrompetillas.creacicle.com/ pódense escoitar as conversas que Agustín e Xavier mantiveron nos días nos que Xavier presentaba en Radio 3 o seu programa sobre Pensamento, ao que Agustín acudía cada semana, alá polo ano 1988. Resulta exemplar ese conversar intelixente que se abre aos oíntes, que chaman e interveñen en directo.

Pedinlle permiso a Xavier para contar aquí que el, cada mañá, dende hai anos, dedica un tempo a recitar poemas de Agustín, procurando que o dicir, a cadencia, o son, a música, respondan á idea creadora do autor, afeito a levar a cesura máis alá do final do verso, normalmente encabalgando a última palabra dun como primeira do seguinte. Xavier dáme permiso para facer públicos os seus exercicios mentais de mañá, coa condición de que amose a imaxe dunha das pizarras de Agustín, cun dos seus esquemas, así que aí vai:

Non é doado recitar en alto o verso de Agustín, ata que se lle escoita dicir a el. Daquela un decátase da naturalidade coa que flúe, velaí este exemplo, no que podemos observar como recita un dos seus poemas emblemáticos, La cara del que sabe, tan de actualidade aínda hoxe, case 40 despois, poema que formaba parte do libro Canciones y soliloquios, publicado en 1976 pola editorial La Gaya Ciencia e do que Amancio Prada faría disco, co mesmo título, en 1983.

Aínda que eu souben de Agustín, a través da súa obra dramática da que me falaba Manolo Vidal, en particular das Farsas tráxicas, nos días nos que dedicaba parte do meu tempo ao mundo teatral, alá polos finais dos setenta e principios dos oitenta, non é ata este libro de Canciones y soliloquios que o descubro e incorporo a ese fardel de libros e autores que nos acompañan ao longo da vida.

Autores, libros e cancións. En 1982 Agustín, Amancio Prada e Chicho Sánchez Ferlosio ofrecen un coloquio-concerto-recital no antigo teatro Español, arredor das cancións e soliloquios do libro. Del son os vídeos, o anterior e este, no que os tres interpretan unha canción que eu incorporei a esa memoria que nos fai ser o que somos, dende que a escoitei por primeira vez:

Agustín García Calvo foi e segue sendo, referencia de pensamento libre, nun país no que pensamento e liberdade proen. Autor dunha obra tan ampla coma o propio pensamento, obra que axuda a interpretar o mundo a través de liñas distintas, pero sempre converxentes, de coñecemento (filosofía, teatro, lingüística, gramática, lóxica…) tradutor excepcional, recibiu tres premios Nacionais: de ensaio en 1990, de literatura dramática en 1999 e a toda a súa obra como tradutor en 2006. Sempre na vangarda dos movementos e reivindicacións sociais, foi unha das voces dos movementos civís que xurdiron nos últimos anos en España, velaí a razón e o sentido dese NON que segue a proclamar dende ese non lugar no que está, e que nos convida a pronunciar con el.

O OURO DO TEMPO DE XAVIER BERMÚDEZ

Quero compartir con todos os que pasan por aquí, esta boa nova, a selección, na sección oficial do festival Internacional de cine de Karlovy Vary, da última película, de Xavier Bermúdez, O ouro do tempo. Esta é a información de axencia:

Praga, 4 jun (EFE).- El drama intimista “O ouro do tempo” (El oro del tiempo), del director gallego Xavier Sánchez Bermúdez, será el único representante de cine español e hispano que opte al Globo de Cristal en el festival internacional de cine de Karlovy Vary.

El prestigioso festival centroeuropeo, que celebra su 48 edición, tendrá lugar en la ciudad balneario del 28 de junio al 6 de julio.

El nuevo trabajo de Sánchez Bermúdez narra cómo un acomodado médico rural (interpretado por Ernesto Chao) mantiene encendida la pasión por su mujer (Marta Larralde), que murió muy joven y cuyo cadáver conserva en una nevera de su casa a la espera de que los adelantos de la ciencia le devuelvan la vida.

Sánchez Bermúdez regresa a Karlovy Vary, donde en 2004 obtuvo dos Globos de Cristal, uno a la mejor dirección y otro a la mejor actuación femenina, precisamente a cargo de Marta Larralde, en la película “León y Olvido”, un trabajo sobre la integración de los enfermos de síndrome de Down.

Este o trailer:
http://vimeo.com/67634059

Noraboa a Xamalú Films, a Manane Rodríguez, a Xavier e a todos os que compartiron con eles este novo proxecto. A ver se a podemos ver axiña.