LETRAS GALEGAS PARA FILGUEIRA

Dende que soubemos da decisión da Academia, de dedicar as letras galegas do ano que vén a Xosé Filgueira Valverde, son varios os correos electrónicos que recibín, con esta mensaxe:

Rexeitemos homenaxear no Dia das Letras de 2015 ao falangista Filgueira Valverde
Non ao avasalamento da R. Academia Galega polo Consello C. G.
Non a submisión da Cultura Galega ao PP
Xuntanza das Asociaciones Culturais e Cívicas para eleger a personaxe das Letras Galegas 2015.

Non sei se o PP ten algo que ver con esta decisión. Coido que non. É certo que o nome de Filgueira xa entrara outras veces no debate, sen acadar consenso. Ata onde eu sei, a Academia decide en tres votacións, a primeira pretende seleccionar tres candidatos entre os propostos de cada ano, a segunda descarta o menos votado entre eses tres, e a terceira proclama o máis votado dos dous que restan. Este ano, os candidatos proclamados eran: Manuel María, Ricardo Carvalho Calero, Xela Arias, Filgueira Valverde e Celestino Fernández de la Vega.

Dous son, ao meu xuízo, os elementos esenciais que debe reunir un candidato: ter obra escrita en galego e ser referencia polo seu compromiso e posicionamento ético. Filgueira cumpría o primeiro sobradamente, non teño demasiado criterio para axuizar o segundo. O que si penso é que a lingua pertence a unha comunidade e esta está formada por xente de pensamento distinto, polo tanto, todos os sectores da sociedade, deberían sentirse representados na festa da lingua e da literatura. Nese sentido, para min, calquera dos candidatos deste ano sería digno merecedor do premio, como o son, tamén, sen estaren nomeados, pero cumprindo o requisito dos dez anos transcorridos dende a morte, Luisa Villalta, Fiz Vergara Vilariño ou Carlos Casares.

Máis pertinente sería, para min, o debate sobre se é necesario porlle nome cada ano á celebración da lingua e das letras. Non vincular esa festa a ninguén daríalle o pulo da vida, a levidade primaveral do aire, e non o estigma e o peso da morte, que hoxe alentan por tras dela como expresión dun inconsciente no que non queremos reparar. Tamén poderiamos discutir sobre se o día da festa debe ser feirado ou non. E aínda hai outro debate, de máis calado, que ninguén quere enfrontar, pero que sería imprescindible: representa hoxe a Academia, coa súa estrutura vella de loxa secreta, co seu xeito de funcionar e de nomear académicos tan pouco transparente e tan sometido a grupos de poder, ao conxunto da sociedade que vive a lingua e na lingua?

Non é a designación de Filgueira Valverde o que a min me afecta. Respéctoa. Estou en débeda con el por moitas cousas e no meu último libro As crebas, outro xeito de andar ao mar, cito e recollo un traballo seu de investigación. O que me proe é ver que na meirande parte das institucións culturais do país figuran os mesmos nomes que representan os mesmos grupos de influencia, no que non podemos deixar de considerar afán de control e limitación da expresión de liberdade e de alegría da nosa cultura que, case sempre, camiña afastada desas institucións que deberían convocar e aglutinar e que, normalmente e agás actuacións concretas, só producen indiferenza.

XELA ARIAS

En novembro cumpriranse o décimo cabodano do pasamento de Xela Arias, a poeta e tradutora nacida en Lugo e que viviu boa parte da súa vida en Vigo, vinculada profesionalmente a Edicións Xerais. Coñecémonos, aínda que non mantivemos unha relación intensa. Que eu lembre, falamos unicamente dúas veces, pero tiven a honra e a sorte de presentala nun recital co que o PEN Blub de Galicia celebrou en Compostela o día Internacional da poesía, penso que no ano 2001. Tamén tiven o pracer de ler a súa obra, en particular aquel Tigres coma cabalos, que tanto impacto causou no noso panorama literario no ano 1990 e Intempériome, publicado por Espiral Maior o mesmo ano da súa morte.

Neste segundo libro está un poema que nos deu pé para conversar sobre os corvos mariños. Daquela eu pedíralle autorización para incluílo nunha colección de poemas sobre paxaros que, finalmente, converteuse nun deses proxectos que van quedando arrombados sobre as dunas dos días. Estes días lembreime moito dela, así que, en lembranza e homenaxe, velaí vai aquel poema, acompañado desas fotografías de Maribel Longueira, tomadas na Boca do Río, alá onde se xuntan o Vadebois e o Laradas, antes de se atopar co mar:

Corvo mariño na Boca do Río.1

Corvo mariño na Boca do Río.1

Non me conteño,
non me conteño e abato
os cormoráns contra das rochas.
Non
me
conteño
e abato
rochas e cormoráns e abatibles e contidos.
E asómbraste
logo
observando, observando
se os farrapos che corresponden.
Pois se non me conteño…
era sobredose de inferno de contidos,
e abatibles,
e rochas,
e cormoráns inmensos.