MONÇAO

O sábado fomos a Monçao. Quedamos alí con Xesús Franco para falar dun proxecto no que traballa, sobre o río e o mar; ou o mar e o río, que a súa visión de mariño mercante é dende o mar e río arriba. Pídeme que faga un texto que acompañe o proxecto expositivo e a iso me poñerei estes días.

O Miño, moi crecido, dende a muralla interior.

O Miño, moi crecido, dende a muralla interior.

Moita chuvia, porén foi día bonito e entrañable camiñando e falando con el. Percorremos algunhas rúas da vila, tomamos café e natas, visitamos o pazo da Brejoeira, camiñamos á

Fonte no xardín das camelia, no pazo da Brejoeira.

Fonte no xardín das camelia, no pazo da Brejoeira.

beira do río Tea e xantamos na parroquia de Porto, xa en Salvaterra de Miño, onde vive Xesús e logo demoramos na súa casa ata que empezou a caer a tarde.

Ao pazo da Brejoeira fomos no seu coche. No asento traseiro, onde eu me sentei, había un libro de Sophia de Mello Breyner, da que eu no lera case nada. Trouxen o libro para a casa e foi lectura que me acompañou onte pola noite en Ourense. Gústanme os seus versos. Moitos falan do mar e ben poderían integrarse no proxecto, velaí esta mostra:

ATLÁNTICO

Mar,
Metade da minha alma é feita de maresia. 

Un dos que me conmoveu de maneira especial, foi este titulado As fontes, sobre todo a segunda estrofa, esa contraposición entre a plenitude e o límpido esplendor coa face incompleta do amor:

Um día quebrarei todas as pontes
Que ligam o meu ser, vivo e total,
Á agitaçao do mundo do irreal,
E calma subirei até às fontes. 
                                      Irei até às fontes onde mora
                                     A plenitude, o límpido esplendor
                                    Que me foi prometido em cada hora,
                                    E na face incompleta do amor.
Irei beber a luz e o amanhecer,
Irei beber a voz dessa promessa
Que às vezes como un voo me atravessa,
E nela cumprirei todo o meu ser. 

A viaxe ofreceu outras riquezas, como saber da poeta galega que viviu en Monçao Amparo Alvear, e da principal voz poética da vila, Joao Verde, de quen colle o nome o Cine Teatro. Foi admirador da poesía do noso Rexurdimento e de Galicia en xeral, e chegou a escribir unha carta aos galegos. Pero deles os dous procurarei falar con máis vagar nos vindeiros días.

Advertisement

ARTE E NATUREZA: A BELEZA DO EFÉMERO

En Camelle de novo, convocados por Antón Sobral, para unha nova experiencia de Arte e natureza, alí, nese espazo onde Man interpretou mellor que ninguén a relación que existe entre a natureza e a creación artística, entre o ser humano e o medio que habita, relación de vida e de morte que el levou ao extremo, nos dous casos.

A min tocoume falar das crebas, cousa que fago contento, sempre que me deixan. A proposta era, na medida do posible, traballar con elas, co azaroso que ofrece o mar. A charla foi o sábado pola mañá. Logo veu oAntón cantando xantar colectivo e a música. Sorprendeume Antón, collendo a guitarra e lanzándose a cantar, coma gaucho. Tamén cantou Marta Quintana. Logo, acudimos todos á praia das Lobeiras, en Arou, onde cada quen soñou e construíu algo que, sendo fermoso, tamén era efémero e sen por que, como a rosa e, ao tempo, respectuoso co medio. No móbil recollín algunha das intervencións, non todas e é mágoa, porque fixeron cousas marabillosas Marta Calvo, a máis nova do grupo; Jorge Valenciano; Cristina Ferrández ou David Herguedas, os dous chegados de Asturias, que nos contaron dunha exposición que preparan en Xixón e que se inaugura o mes que vén, sobre os depósitos de escoira que Endesa depositou durante décadas no Cabo Negro, coa conseguinte transformación da paisaxe e desaparición da vida.

Velaí algunha das cousas que fotografei. Esta primeira é a peza de Isabel Alonso,

Isabel

Aquí Soledad Pite traballa concentrada na súa obra: tinxir de cor a corda crebeira, conseguir logo un negativo da impresión e, posteriormente trasladar o resultado a unha acuarela que, sobre o papel, evocará unha paisaxe,

Sole

Sutil e evocadora, esta liña de Delia Vilavedra

Liña amarelaMarga Santiago xogou cos elementos minúsculos que atopou, primeiro xuntándoos, logo individualizándoos. A min, este xardín gustoume moito,

Marga

Fantástico este viraventos de Rafael Vázquez, que funcionaba moi ben co norte da tarde,

Viraventos

Evocando o espírito de Man, tiven ocasión de me bañar, o sábado pola tarde e o domingo pola mañá. O domingo, dende a auga vin pasar a ringleira de camiñantes que acudiron á chamada da organización da Ruta dos Faros, en etapa que, nacendo en Arou, chegaba a Camariñas: Areal do Trece, Cemiterio dos Ingleses, Cabo Vilán. Vintecatro quilómetros para os centos de persoas que se deron cita, e camiñar por un dos espazos litorais máis fermosos do país. Entre os convocados, o noso fillo Daniel e Inés.

Poema CamelleO peirao de Camelle, máis alá do que fora xardín marítimo de Man, onde os enormes bloques desafían o océano, debe ser lugar escollido para ceibar cinzas, ben por decisión dos finados ou dos familiares. No formigón quedan as placas metálicas que lembran que a memoria dos seres queridos, nomes que se acompañan de versos e parágrafos de libros.

Ruda

Tivemos dificultades para sobrevivir nunha cadeira de rodas, que Maribel está impedida dun pé, por operación recente. Beirarrúas imposibles, feridas no pavimento, ascensores que non funcionan. Durmimos, finalmente na Hospedaxe La Fe, xa en Ponte do Porto, con cuarto accesible en anexo ao edificio principal. Ademais, había bastante ocupación pola convocatoria dos faros e no almorzo catamos o biscoito caseiro No inicio do camiño de acceso ao cuarto anexo, florecía a ruda. Levaba moito tempo sen vela e non sei se algunha vez, antes de agora, repararía nela con flor.

Foi unha alegría atopar tanta xente querida e coñecer a outra, coa riqueza que iso supón. A todas e a todos estou moi agradecido porque entre todos axudaron a que Maribel participase do encontro e todos lle deron cariño, velaí a relación: Antón Sobral, Xesús Franco, Carme Hermo, Jesús Calvo, Isabel Alonso, Jorge García Valenciano, Eduardo Méndez, Berta Peláez, Olga Prieto, Marta Quintana, Marina Ramón, Alejandra Sampedro, Marga Santiago, Andrés Serodio, Mar Tajes, Francisco Tajes, Delia Vilavedra, Cristina Ferrández, Marisol Pite e Pedro Ávila, Rafael Vázquez e David Herguedas e Andrea, que tanto nos mimou.

Por certo, Francisco Tajes, veciño de Camelle e que nos acompañou cada día nos actos que se desenvolveron no museo de Man, contoume cal é a variante para se referir as crebas nese litoral: “crebantes”. Tamén nos sorprendeu a todos coa súa experiencia. Chamoume a atención o que nos dixo de que cando un corpo se perde no mar, os dos homes afunden e os das mulleres non e que, en calquera caso, un corpo humano aboia a partir do noveno día. Experiencia dun lobo de mar que eu non vou discutir.

O 17, ao mediodía, celebrando as Letras, rematamos cun recital con versos de Antón Sobral, Xesús Franco, Manuel Rivas, Eva Veiga, Luisa Villalta e algún meu. Manolo, Eva e Luisa non estaban connosco, pero os seus versos crebeiros, si.

Remato con Marta Quintana. A Camelle veu sen arpa, que é o seu instrumento. Aquí deixo esta fermosa mostra do seu traballo: