SENTIMENTALISMO: ANTOLOXÍA TRANSCENDENTAL

Varias persoas pregúntanme por Eva, logo da nova do seu regreso que din o día 12. Está ben e traballa en varios proxectos inmediatos, entre eles, un recital con poemas mariños, que con Fito e Bernardo, os músicos que compoñen con ela o grupo Ouriol, dará en Cabo da Cruz, o sábado 11 de xullo, dentro da programación cultural do Encontro de embarcacións tradicionais, que alí se celebrará esa fin de semana e que convocará a centos de embarcacións que, coas súas velas, navegarán o mar da Arousa. Animádevos.

Antoloxía sentimentalistaDicir que estes días saíu unha nova antoloxía sentimentalista, ese movemento creado por Xesús Manuel Valcárcel e que ten como casa a editorial Bubela. É a cuarta entrega, logo das etapas de fundación, de implantación e de expansión, chega esta denominada transcendental.

Nela participan: Carlos Arias, Xulio Cid Neira, Xabier López Marqués, Manuel Celo Matalobos, Mariña Pérez Rei, Elías Portela, Baldo Ramos, Helena Salgueiro, Xesús Manuel Valcárcel e Eva.

Mentres non nos chega Soño e vértice, o libro que mereceu o premio do concello de Carral, imos manténdonos co que temos, tamén cos versos que Eva achegou á antoloxía, dos que aquí queda unha mostra:

O BALEIRO VAI TOMANDO A FORMA

froito dunha meditación
o baleiro vai tomando a forma
para a árbore medrar
e no mesmo aire ábrese unha fiestra
para o seu perfume
e sae ao fin a lingua
coma serpe da súa cova
probar o que lle é estaño.