O RATO E A LÚA

A poesía infantil prodúceme fascinación e admiro profundamente a quen a escribe. Meréceme moito respecto e paréceme que, na súa aparente sinxeleza, debe conxugar elementos que non é doado harmonizar.

Rato e lúaAo meu xuízo, quen a escriba, debe facer unha proposta inocente, pero sen renunciar á fondura. Os versos poderán rimar ou non, pero non se prescindirá do ritmo e da música, sendo a rima, de habela, perfecta, e o poema no seu conxunto sonoro e cadencioso. A actitude da ou do poeta será de complicidade, con disposición e ánimo de xogar, tendo en conta a idade e a complexidade da linguaxe dos destinatarios, elaborando metáforas suxestivas e ocorrentes. Brillante e luminoso, imaxinativo, divertido e máxico, expresivo e dinámico, doado de memorizar, así ten que resultar o poema ao meu xuízo, procurando a simetría e a precisión na estrofa. Doado? Para min é o exercicio literario máis difícil que coñezo.

En Galicia temos tradición en poesía infantil, con nomes importantes, uns dedicados en exclusividade á literatura infantil e xuvenil e outros que, de cando en vez, ollan para ese universo marabilloso no que se inician e se forman os lectores: Anisia Miranda, Manuel María, Helena Villar, Xesús Rábade Paredes, Rosalía Morlán, Marica Campo, Fran Alonso, Ana María Fernández, Xoán Babarro, Concha Blanco, María Canosa, Gloria Sánchez, Xoán Neira ou Antón Cortizas… as nóminas sempre son inxustas, xa que sempre falta alguén. Están, tamén, as incursións de Pepe Álvarez Cáccamo, Rafa Villar, Marilar Aleixandre ou Yolanda Castaño, poño por caso, pero nesta relación falta un nome, para min principal, Antonio García Teijeiro.

Lin estes días o libro de Antonio Un rato díxolle á lúa (Edicións Xerais), antoloxía elaborada por Fran Alonso, autor dun fermoso limiar, e ilustrada por Xosé Cobas, quen a través das súas imaxes propón un paseo polo sutil mundo dos soños.

Que veña o vento fungón
que lle quero preguntar
a cor dos ollos das nubes,
a cor dos ollos do mar.
Eu coido que son azuis,
verdes, grises, de cristal.
mais calquera cor que teñan
será sempre a cor da paz.
Antonio reúne todas as características ás que fago referencia, e máis. É el un rimador sutil, viaxante de versos, perito en lúas, que diría Miguel Hernández e en soños, moderno trobador que, durante anos, percorreu a xeografía do seu país, e outras, recitando, cantando e soñando con rapazas e rapaces do mundo. Un paxaro soñador, así é.
E levaba no peteiro,
paxariño soñador,
unhas follas de loureiro
e tres pétalos de flor.
Que belido este paxaro,
paxariño soñador,
que levaba aos seus filliños
aloumiños de calor!
Ai que tenro este paxaro,
paxariño soñador,
tanto ten que sexas corvo,
cotovía ou reiseñor!
Recoñecido fóra de Galicia, o seu libro Na fogueria dos versos, premio Merlín do ano 1996, foi galardoado co Premio Pier Paolo Vergerio en 1998 e nese mesmo ano entrou a formar parte da lista de honra do IBBY.

AGT

Un rato díxolle á lúa toma o título dun poema do libro A sombra do lueiro de papel. Máis de 100 son os poemas recollidos por Fran Alonso, entre 22 libros de Antonio.

Un rato díxolle á lúa:
-Nunca reparas en min;
por iso vivo na rúa
metido nun calcetín.
Ela fitouno abraiada.
Déronlle ganas de rir.
Daquela apagou a lámpada
e dispúxose a durmir.
Polo desprezo da lúa,
o ratiño, alporizado,
berroulle con moita forza:
-Xa non estou namorado!
Paz, aloumiños, nenos, cans, gatos, chuvia, mar, pombas, música, sol, lúa, vento, río, todo o que nos rodea é obxecto de poesía para Antonio que, ademais, a través de varios poemas, propón unha fermosa iniciación a Bob Dylan, para el un dos xenios creadores máis importantes dende o seu punto de vista. Este que segue aparece dedicado ao cantante de Minnesota.

O libro acompáñase dun CD coas cancións que Paco Ibáñez compuxo a partir dos seus versos: O vento dorme, Que ocorre na terra? e Pomba e que Antonio tamén recita.

Cunha guitarra na man
cantou o cambio dos tempos.
Buscou respostas na rúa.
Viunas soprando no vento.

Noutra entrada anterior desta bitácora podedes escoitar a canción Que ocorre na terra?, un dos clásicos de Paco Ibáñez, que inclúe no repertorio de todos os seus concertos:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2014/04/09/paco-ibanez-canta-en-galego/

Agora deixo aquí as outras dúas nas que canta en galego, a partir dos versos de Antonio, Pomba, primeiro, con el de axudante:

e O vento dorme, e sempre Antonio facendo de atril:

LIBRO DO MAL AMOR

Hai tres ou catro meses, escribiume o meu amigo Antonio García Teijeiro, preguntándome se me gustaría participar nun proxecto ao que Gracia Sanctorum daba pulo a través do blogue Trafegando Ronseis, do IES de Lalín.

A cousa consistía en escribir un haiku que tivese como referencia a violencia machista. Dixen que si e mandeino.

Entrei eu na terceira entrega publicada, xunto con Dores Tembrás, Francisco Castro, María Reimóndez e Xoán Babarro. Os nosos textos foron ilustrados por Mar García e Arancha. A cousa quedou moi ben e eu sinto unha alegría especial por estar aí. Van oito entregas, moitas escritoras e escritoras, con moitas e moitos ilustradores. Se queredes lelas podedes buscalas no índice da columna dereita do blog Trafegando ronseis, procurando a entrada Libro do mal amor

Libro do Mal Amor (III)-1

Deixo aquí a entrada da III entrega, dende a que podedes acceder a todos:

http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2014/11/libro-do-mal-amor-iii.html