EVA VEIGA E O BOSQUE DAS ANTAS

No ano 1988, a novela O bosque das antas conseguía o premio Xerais. Ese ano, Miguel Suárez Abel gañaba o premio Blanco Amor con Turbo. As dúas obras foron publicadas por Xerais e saíron xuntas antes de Nadal. A principios de 1989, os dous fomos convidados ao programa da televisión galega Mesa Reservada, programa de entrevistas, con intervencións musicais sen playback e público en vivo, que presentaba Eva Veiga. Ese día coñecémonos e a ese día corresponde a imaxe que ilustra este artigo.

Gravábase pola tarde no estudio de Ghaleb Jaber. Aquel serán os convidados eramos nos os dous, Rosa Montero e Pablo Lizcano. Creo que ese día naceu a relación que mantiveron ata o falecemento de Pablo  no ano 2009. A gravación do programa rematou tarde e dende o estudio desprazámonos ao hotel Araguaney, onde fomos convidados a cear. Lembro que era a unha cando nos serviron. Durante a cea, Rosa Montero comentou as dificultades que atopaba para entrevistar a Yasir Arafat e que de nada valera a axuda de Francisco Fernández Ordóñez, entón ministro de Asuntos Exteriores. Nun momento determinado, Eva ausentouse da mesa e cando regresou viña acompañada de Ghaleb Jaber, quen falou nun aparte con Rosa. Poucas semanas despois a entrevista con Arafat aparecía publicada no suplemento de El País.

Chisco e Eva MSATvG19888593

Non me atopo cómodo ollando esta foto. Estaba crispado porque eu era o segundo entrevistado e vencíame os nervios. Ademais, creo que estaba conmovido ou asustado da beleza de Eva e iso que aínda non sabía do tesouro que coñecería logo, ela, o seu corazón, a súa voz, a súa amizade, todo o seu ser. O certo é que no momento que captou a cámara eu teño cara de sufrimento e Miguel de felicidade, bebendo os ventos de Eva. Envexa me dá.

Para os actos de promoción da novela mercara un traxe de Adolfo Domínguez, ese co que se me ve aí, que co tempo foi perdendo a cor, nun proceso de descomposición que a min moito me chamou a atención.

Falar do Bosque das antas vén sendo unha desculpa para estar de novo con Eva, para invocar os seus versos. Velaí deixo estes, que pertencen ao libro A distancia do tambor:

ser en
ti
puro instante
que expira e abre
a un tempo
a flor do mundo.

 

e dende lonxe
responde
á chamada
como sangue
que volta
de algo innomeable.

 

na cicatriz
dunha pinga de auga
sobrevivir.
Advertisement