CABO VILÁN

Gabarra Camariñas

Gabarra Camariñas

Alí, naquel confín do mundo hoxe colonizado polos viraventos e a instalación de Stolt Sea Farm, érguese misterioso e meláncolico o faro, o primeiro peninsular que funcionou con enerxía eléctrica. O cabo, entre a borraxeira, mantén intacta a súa grandeza, a mesma que encollía os corazóns dos homes de mar que navegaban por diante del en noites de temporal. Ao norte, esa longa liña de cantís, nos que a presenza humana é simbólica. Aí, nese litoral que vai do cabo Vilán ata Santa Mariña, naufragou este inverno unha gabarra, unha embarcación de máis de cen metros de eslora, castigada polas ondas dende hai un mes e medio. O sábado quixemos achegarnos. Puidemos vela e tirarlle fotos, pero dende lonxe. A pista impracticable polo inverno non deixaba pasar o coche e a chuvia e o vento da mañá non animaban ao paseo.

Fomos ao Vilán a nos atopar cos amigos que acoden de cada vez aos encontros de arte e natureza convocados por Antón Sobral. O último, en Lariño no mes de setembro, deu como resultado unha serie de obras que estarán expostas durante este mes na sala do faro Vilán. De faro a faro, esa é a proposta. Alí, a asociación de empresarios de Camariñas, puxo a funcionar o museo dos faros da Costa da Morte, abriu unha cafetería e unha fermosa sala de exposicións.

Veu bastante xente, tendo en conta a meteoroloxía, moita coñecida e querida. A exposición quedou moi ben. Por esa sala pasan cada ano 44.000 persoas, máis que por moitos dos museos abertos nas cidades do país. A petición de Antón, eu recitei uns poemas. Logo tivemos ocasión de falar entre nós, e eu escoitei as reflexións de Antón Castro sobre as posibilidades de restauración do santuario da Barca. Tamén puidemos coñecer a Detlef Kappeler, un artista alemán que vive coa súa dona en Muxía.