SANTA COMPAÑA

No ano 1895, Jesús Rodríguez López publicaba un libro titulado Supersticiones de Galicia, obra pouco coñecida hoxe, pero que no seu momento tivo a súa importancia, causándolle serios problemas coa Igrexa. O libro deu para unha segunda versión en 1910 e, en 1943, a editorial Nova, fundada por Arturo Cuadrado e Luís Seoane en Bos Aires, publicaba a edición arxentina. Eu teño unha edición, facsímil da de 1910, publicada en Valladolid no ano 2001.

O libro é de moito interese para quen sentimos curiosidade por estas cousas, en particular polo xeito en que enfronta o mundo galego das crenzas tradicionais e das supersticións, vinculándoo ao mundo celta, pero ten, tamén, a súa graza, sobre todo cando vai cualificando os escritores que cita, así vemos que Añón é eximio, Victoriano Novo y García é notable, Alfredo Brañas merece o recoñecemento de inspirado, Ubaldo Insúa de correcto. É este último quen refire que a Compaña rolda por camiños e encrucilladas.

Vén todo isto a conto porque Edward Thomas, no poema “Roads” (Camiños) ten estes versos: The larger companies,/ That by the roadside be,/ And beneath the rafter/ Else uninhabited/ Excepting by the dead;/ (As numerosas compañas/ que están xunto os camiños/ e baixo as trabes/ deshabitadas/ agás polos mortos). Neles eu aprecio unha clara referencia á Santa Compaña. E non sería estraño. Fernando Alonso Romero, no libro El mundo de los muertos en Galicia y en el folklore del occidente europeo, recolle a tradición escocesa, galesa e irlandesa, das ánimas percorrendo os camiños,  de maneira moi semellante a como sucedía (non sei se aínda sucede) aquí.

Continúo esa lectura lenta e intensa dos versos de Edward Thomas, na edición bilingüe xa comentada de Linteo, que recolle a súa obra poética completa. Todas as mañás, no almorzo, dependendo da lonxitude do poema, leo dous, tres ou catro, primeiro en inglés e logo na versión castelán. Pero esta lectura xa non é solitaria. Dende hai semanas, por azar, Antonio García Teijeiro e eu atopámonos nesa mesma descuberta que agora compartimos, coa singularidade de que os dous levamos o mesmo ritmo, aínda que non sempre lemos os mesmos textos. Agora cruzándonos correos sobre os achados de cada mañá, comentamos aquilo que máis nos emocionou e sorprendeu e deixamos constancia deste xogo nos nosos blogs. Recoméndovos o del, Versos e aloumiños, que vén de ser nomeado candidato aos premios que cada ano concede a Asociación de escritores en lingua galega. O enlace está neste, á dereita, porque é espazo amigo.

Como ilustración, de moi baixa calidade, pero é o que hai, deixo esta imaxe na que malamente se observa o mural de Xosé Luís de Dios, pintado na parede do fondo da sala principal do bar Tucho ou O’ Volter, de Ourense, local histórico e emblemático que non soubemos conservar. De Dios pintou nel unha santa compaña da nosa identidade, que levaba por título Alegoría da porta de palla, lembrando a novela de Vicente Risco.